Sotavento supera os 300.000 visitantes e consolídase como referente en educación enerxética

TerraChaXa
Durante o ano 2024, Sotavento recibiu un total de 9.192 visitantes repartidos en 243 visitas, o que supón un incremento de preto de 1.000 persoas respecto ao ano 2023
visitante-300000-sotavento
5 Jan 2025

O Parque Eólico Experimental de Sotavento acadou un importante fito ao superar os 300.000 visitantes desde a súa inauguración. A visitante número 300.000 foi unha moza de 16 anos procedente do CPI Santa Lucía de Moraña.

Durante o ano 2024, Sotavento recibiu un total de 9.192 visitantes repartidos en 243 visitas, o que supón un incremento de preto de 1.000 persoas respecto ao ano 2023. Estes datos consolidan a Sotavento como un centro de referencia en formación en educación enerxética, tanto para alumnado galego como doutras comunidades autónomas.

O 40% dos participantes nas actividades pedagóxicas procederon de centros de Secundaria, seguidos de grupos técnicos e centros de Primaria. Ademais, ao longo deste ano desenvolvéronse actividades específicas de formación do profesorado, ampliando así o impacto educativo do parque.

Sotavento tamén reforza o seu papel como ferramenta clave para o sector eólico, organizando cursos de pilotos de drons para inspección de aeroxeradores e simulacros de rescate adaptados ás máquinas eólicas. Entre as iniciativas máis destacadas de 2024 inclúese a participación en Enerxetika 2024, a Feira da Enerxía de Silleda, e a recepción no mes de maio dos embaixadores dos 27 países da Unión Europea.

No ámbito turístico, Sotavento segue a captar o interese de importantes operadores que inclúen as súas actividades como opcións para cruceiros internacionais con escala en portos galegos. Este interese continuará en 2025, cunha notable afluencia prevista.

Para o primeiro semestre de 2025, xa están concertadas 4.000 visitas e mantense unha lista de espera de máis de 1.000 alumnos/as para o próximo curso académico.

Con este balance positivo, Sotavento reafirma o seu compromiso coa divulgación, a formación e o desenvolvemento sustentable, proxectándose como un espazo singular e pioneiro no ámbito enerxético e educativo.

0.16570496559143