Sotavento superou no 2022 os 8.600 visitantes, un 40% máis que o ano pasado
Sotavento superou no ano 2022 os 8.600 visitantes, recuperando cifras prepandemia e logrando un incremento dun 40% con respecto ao 2021.
A actualidade deste ano recén rematado estivo marcada polo elevado prezo da electricidade e pola incerteza global en canto a enerxía se refire. Para dar resposta a esta situación, as actividades de educación enerxética que habitualmente desenvolve Sotavento, reforzáronse no eido da procedencia das fontes de enerxía, o establecemento do prezo da electricidade e o autoconsumo.
Os destinatarios foron, nun 42%, grupos de carácter técnico, universidade, FP ou bacharelato, seguido de centros de secundaria (28%), centros educativos de primaria (19%) e asociacións (11%).
Entre as actividades máis salientables do período estarían a participación na Feira da Enerxía, celebrada en Silleda, onde preto de 3.000 persoas se achegaron ao espazo expositivo Sotavento. Outro fito importante foi a creación e desenvolvemento do proxecto Enerxía e cambio climático levado a cabo mediante convenios con importantes empresas do sector como Norvento. Máis de 2.500 alumnos participaron neste proxecto que se levou a cabo tanto nas instalacións de Sotavento coma nos propios centros educativos e que se espera que continúe no 2023 na Provincia de Lugo.
As provincias de Lugo e A Coruña continúan a liderar as visitas ao parque, cun 38% e 35% respectivamente, seguidas de Pontevedra, cun 21%. Un 4% do total procederon do resto de España e un 2% das visitas foron internacionais.
Como novidades de cara ao ano que comeza destacar a posta en funcionamento dunha nova instalación fotovoltaica de 100 kW, a colocación como elemento expositivo dunha pala dun aeroxerador de 35 metros de lonxitude e o regreso ao Certame de Fotografía do que as bases se atopan publicadas na páxina web do parque e que está dotado con 400 € de premio.
O Parque Eólico Experimental Sotavento atópase entre os Concellos de Xermade e Monfero, está aberto durante todo o ano e pódese visitar mediante reserva telefónica en horario de mañá de luns a venres no teléfono 981563777. Máis información en www.sotaventogalicia.com