Supervisan a parcela na que se levantará a nova residencia de maiores das Pontes
O alcalde das Pontes e presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, acompañado pola deputada de Política Social, Mar García Vidal, a concelleira de Benestar Social, Tania Pardo e o concelleiro de Obras, Roberto Rivera, visitaron o antigo colexio Pardo Bazán, recentemente adquirido polo Concello das Pontes e no que a Deputación Provincial da Coruña construirá unha residencia para persoas maiores.
Á visita acudiron os xefes de servizo das áreas de arquitectura, urbanismo e política social da Deputación da Coruña, o técnico responsable da redacción do proxecto de demolición do antigo equipamento así como representantes da asociación veciñal A Choupana co fin de coñecer, de primeira man, o estado das instalacións do antigo colexio, a parcela na que se localiza así como a contorna e rúas adxacentes e, deste xeito, poder realizar as primeiras valoracións para a distribución do equipamento residencial que en palabras de González Formoso “vai ser punteiro na nosa Comunidade Autónoma grazas á Deputación da Coruña, e que vai contribuír non só a mellorar a calidade de vida e as prestacións para as persoas maiores das Pontes, se non tamén a dos veciños e veciñas do barrio, coas melloras nas rúas e no equipamento urbano que temos previstas para este proxecto”.
O rexedor local durante esta visita tamén avanzou que a Deputación Provincial traballa xa na licitación da asistencia técnica que será a responsable do asesoramento, en todas as fases do proxecto, para garantir que este se faga de acordo a normativa vixente, conforme ás regras das boas prácticas e tendo en conta os datos e medidas correctas de todos os espazos.
NOVO MODELO RESIDENCIAL
A Deputación da Coruña porá nas Pontes en marcha un novo modelo de residencia públicas para persoas maiores, innovador en Galicia, máis achegado e personalizado, con centros máis pequenos e de ámbito comarcal que permitan evitar o desarraigo que supón que moitas persoas maiores teñan que pasar a última etapa das súas vidas a moitos quilómetros da casa e dos seus seres queridos e encerrados en macrocomplexos masificados e pouco humanizados, ou pagar residencias privadas con tarifas moitas veces inasumibles para as familias.
Así, As Pontes será o primeiro municipio da provincia no que se testará o novo modelo residencial cun centro piloto, que contará cun maior número de traballadores en función do número de residentes no centro para garantir plans de atención totalmente individualizados, nun entorno máis amable e acolledor, con habitacións individuais, espazos e actividades de convivencia interxeneracional abertos á comunidade, nos que se contará coa colaboración do tecido asociativo local, centros de ensino e familias para rachar co illamento que moitas veces sofren os maiores nestes centros.
A aposta pola innovación será outro dos eixes diferenciais da residencia de persoas maiores das Pontes, con novas tecnoloxías tanto para mellorar a vida das persoas residentes no centro como do persoal traballador. Domótica, sistemas de telemedicina, alumeado e climatización intelixentes, peches de contacto ou con datos biométricos, sensores de movemento e presenza, novos sistemas de rehabilitación física e cognitiva con base tecnolóxica ou incorporación de asistentes virtuais son algunhas das cuestións que se planean incluír no centro.
Tamén se innovará en cuestións como o acceso de familiares e amizades, que será aberto para permitir compartir tempo cos seres queridos e incluso acompañalos en determinadas situacións nas que sexa preciso, e valoraranse cuestións como a posibilidade contar con horta ou permitir a presenza de animais domésticos dentro do complexo residencial, tendo en conta a procedencia rural de moitas das persoas usuarias do centro, así como as vantaxes que proporciona o coidado de plantas e animais na prevención do deterioro físico e cognitivo.
Este novo modelo de residencias establece un modelo de atención e intervención social chamado de 5ª xeración, que supera os antigos modelo de asilo, hospital ou residencia, baseados en contornos moi institucionalizados e cunha cultura asistencialista, por un novo modelo que xa está a desenvolver en países nórdicos como Dinamarca ou Suecia, centrado na persoa, que respecta a súa autonomía, vontade, decisións e preferencias nun espazo multiservizo e de carácter aberto e comunitario, onde as persoas da contorna podan acceder a el para gozar de certos servizos e as persoas residentes podan desenvolver tamén actividades fóra do centro asistencial.