Supervisan as obras de renovación na rúa das Pedreiras de Vilalba
A Xunta destinou 193.000 euros á renovación integral das redes de servizos do treito oeste da rúa das Pedreiras, en Vilalba, desde as escaleiras que a comunican coa praza de Santa María ata o cruzamento coa rúa Ferrería.
O delegado territorial da Administración autonómica en Lugo, Javier Arias, comprobou o resultado das obras, executadas polo Concello e financiadas con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental.
O proxecto contemplou a instalación dunha nova rede de abastecemento e incorporación de saneamento que separe as augas pluviais das fecais; así como seccións soterradas para as redes aéreas de telecomunicacións e electricidade existentes na rúa. Tamén se renovaron as acometidas domiciliarias para garantir o acceso aos servizos a todos os predios do tramo afectado.
Así mesmo, abordouse unha nova configuración deste espazo urbano, situado nas inmediacións do auditorio Carmen Estévez, que incrementa a superficie peonil e inclúe iluminación pública con tecnoloxía LED de baixo consumo.
Arias subliñou que a cooperación cos concellos é clave na acción de goberno da Xunta e materialízase con medidas como o Fondo de Compensación Ambiental, que financia accións de protección medioambiental e busca da eficiencia para os servizos municipais.
Nese sentido, apuntou que a Vicepresidencia segunda da Xunta leva destinado desde o ano 2010 máis de 2,5 millóns de euros a cooperar coa mellora de infraestruturas e servizos de Vilalba a través das liñas de axudas que xestiona a Dirección Xeral de Administración Local.
Así, ao abeiro destes programas o Goberno galego apoiou proxectos de mellora de vías rurais; de espazos de lecer como a área recreativa da Madalena e os parques infantís da praza da Constitución e da alameda Basanta Olano; o acondicionamento da rúa da Feira e a renovación de servizos de saneamento e abastecemento no barrio das Fontiñas e nas rúas San Roque, Conde Pallares, Bispo Rouco Varela, Calvario, Os Pepes e na avenida Terra Chá, entre outros.