Supervisan na Pastoriza as novas vivendas de alugueiro social
A Xunta de Galicia achegou nos tres últimos anos 950.600 euros a 11 concellos lucenses para a rehabilitación de 26 inmobles de titularidade municipal, a maioría antigas casas de mestres, para destinalos a alugueiro social coas características das vivendas de promoción pública.
O delegado territorial, Javier Arias, visitou onte A Pastoriza para comprobar algunhas das obras realizadas neste período así como os inmobles que se recuperarán proximamente. Ao respecto, lembrou que está aberta unha nova edición destas axudas, que son de concorrencia non competitiva e contan cun orzamento de 630.000 euros para a anualidade 2022 e 1.470.000 euros para a anualidade 2023. O prazo de solicitudes remata o 1 de xuño polo que os concellos interesados aínda poden optar a estas subvencións.
No marco desta nova convocatoria, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de aprobar xa a concesión de 77.600 euros ao concello da Pastoriza para rehabilitar dúas vivendas no lugar da Grandela, en Reigosa. Ademais, no ano 2020 sumáronse cinco vivendas para alugueiro no municipio tras a reforma das antigas escolas unitarias de Bretoña, Crecente e Álvare, cun investimento da Xunta de 184.000 euros.
Ademais das actuacións no concello da Pastoriza, cómpre lembrar que no marco da convocatoria do ano 2020 tamén se incorporaron á oferta de alugueiro dúas casas en Trabada, e unha en Baralla, Begonte Sober e Mondoñedo respectivamente. No tocante á pasada convocatoria, para proxectos que aínda poden rematar neste ano, outorgáronse axudas para cinco vivendas en Sarria, dúas en Paradela e A Fonsagrada, e unha en Alfoz, Mondoñedo, O Corgo e Sober.
Arias explicou que o obxectivo da Consellería é facilitar aos concellos a creación dun parque público municipal de vivenda en alugueiro para rendas baixas. Estes incentivos están dirixidos aos concellos con menos de 20.000 habitantes e poden acadar ata o 90% do orzamento protexido das obras, cun máximo xeral de 40.000 euros por vivenda rehabilitada, ou de 48.000 euros, no caso de que estean situadas no ámbito histórico ou dos Camiños de Santiago. No suposto de que a edificación que se vaia rehabilitar estivese situada nun ámbito declarado área Rexurbe, as citadas cantidades incrementaranse en 2.000 euros por vivenda
O delegado subliñou que, deste xeito, “evítanse custos que serían excesivamente gravosos para os concellos de menor tamaño”. O reto é dobre, apuntou, “por unha banda, facilitar unha vivenda ás persoas que a necesitan, e por outra, promover a recuperación dos pequenos núcleos nos que quedaron abandonados edificios como as escolas unitarias e as casas dos mestres”.