Supervisan nas Pontes as obras da avenida da Habana, que avanzan a bo ritmo

O Concello das Pontes continúa avanzando nas obras de mellora de servizos e pavimentos na Avenida da Habana, no tramo comprendido entre o número 99 e o cruce coa rúa Cabanas, no centro urbano da vila, que se están a desenvolver a bo ritmo.
Esta mesma semana, o alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, visitou a zona para comprobar de primeira man o estado dos traballos, destacando o bo avance da actuación e a importancia desta intervención para mellorar a calidade urbana e a seguridade da veciñanza.
As actuacións, adxudicadas á empresa Cholo S.L., contan cun orzamento de 166.538,11 euros, financiados con fondos da Deputación da Coruña. O obxectivo principal é reforzar a seguridade viaria dos peóns mediante a renovación integral das beirarrúas e a substitución das instalacións de saneamento e iluminación, actuando sobre ambas marxes da rúa.
A obra contempla a execución dunha nova rede separativa de pluviais, mediante canalizacións de PVC de alta rixidez, así como a instalación de sumidoiros, arquetas e elementos de recollida que se conectarán ás redes existentes.
Así mesmo, renovarase a iluminación pública con tecnoloxía LED, mediante a instalación de novos báculos de 7 metros con luminarias de estrada e paseo, garantindo unha iluminación máis eficiente e sustentable.
O proxecto inclúe tamén a reconstrución completa das beirarrúas con materiais de calidade, accesibles e acordes coa estética da contorna, así como a creación dunha plataforma única para mellorar a accesibilidade e a mobilidade peonil. A calzada será pavimentada cunha nova capa de aglomerado en quente, favorecendo a drenaxe cara aos sumidoiros.
Ademais, dotarase a zona de novo mobiliario urbano, como papeleiras e xardineiras de madeira tratada, e realizarase a sinalización horizontal necesaria, incluíndo pasos de peóns e prazas accesibles.
Con esta actuación, o Concello das Pontes continúa apostando pola mellora da calidade dos espazos públicos e pola modernización das infraestruturas urbanas, co obxectivo de facer da vila un lugar máis cómodo, accesible e seguro para todas as persoas.