Supervisan o avance das obras da futura residencia de maiores de Abadín

TerraChaXa
As actuacións céntranse na rehabilitación e ampliación do antigo colexio municipal para reconvertelo en centro residencial e enmárcanse no Plan de Investimentos da Xunta
obras-residencia-maiores-abadin
29 May 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, acompañada do alcalde do municipio, José María López, visitou as obras da futura residencia de maiores municipal de Abadín, un proxecto ao que a Xunta de Galicia destina 1,2M€ e que permitirá ofrecer 44 prazas.

As obras céntranse na rehabilitación e ampliación do edificio do antigo do colexio infantil deste concello, actualmente en desuso, para convertelo nun centro residencial que contará con 44 prazas repartidas nunha vintena de habitacións, dúas plantas de uso e unha construción anexa conectada ao inmoble principal. Neste caso, a Xunta financia a máxima contía posible do total que suporán os traballos, que ascende a 2,3M€.

Esta actuación desenvólvese no marco do Plan de investimentos co que a Xunta financia unha vintena de proxectos de construción, reforma ou ampliación de residencias, centros de día, vivendas comunitarias e centros sociais de titularidade municipal. Este plan, dotado con 18M€ procedentes de fondos europeos do Mecanismo de Recuperación, Transformación e Resiliencia (MRR), foi acordado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Esta actuación está orientada, principalmente, a dotar ás zonas rurais de novos recursos de atención a maiores.

Durante a visita, a conselleira destacou o impulso histórico que supón este Plan, tanto na mellora de instalacións, como na creación de 500 novas prazas públicas de atención residencial e outras 150 de atención diúrna.

⚙ Configurar cookies
0.18618202209473