Supervisan o desenvolvemento das obras da unidade de Fudace en Castro

TerraChaXa
O presidente da Deputación, Darío Campos Conde e a deputada de Benestar, Sonsoles López Izquierdo, supervisaron, xunto ao Presidente e Secretario da Fundación de Dano Cerebral (FUDACE), Luís Abelleira Mayor e Alberto Tenorio García, respectivamente, a execución das obras para dotar a provincia de Lugo do primeiro centro de patoloxía dual de Galicia, que está a construír FUDACE en terreos cedidos pola Deputación en Castro Ribeiras de Lea.
DEPUTACION VISITA FUDACE
29 Ago 2018

O presidente da Deputación, Darío Campos Conde e a deputada de Benestar, Sonsoles López Izquierdo, supervisaron, xunto ao Presidente e Secretario da Fundación de Dano Cerebral (FUDACE), Luís Abelleira Mayor e Alberto Tenorio García, respectivamente, a execución das obras para dotar a provincia de Lugo do primeiro centro de patoloxía dual de Galicia, que está a construír FUDACE en terreos cedidos pola Deputación en Castro Ribeiras de Lea.

Campos Conde destacou que “o apoio do Goberno da Deputación de Lugo a este proxecto fará posible que a provincia de Lugo conte o ano que ven coa 1º unidade de patoloxía dual que existe en Galicia, que será a segunda de España, pois só hai un centro máis destas características en Palencia”, destacou. O Presidente lembrou que este Goberno cedeu de xeito gratuíto durante 50 anos, unha finca de 80.000 metros cadrados, que teñen un valor catastral de 500.000 euros.

“Dende o primeiro momento, dende o Goberno da Deputación decidimos sumarnos a esta iniciativa para amosar o noso apoio á enorme labor social que fai FUDACE, que presta atención profesional a máis de 50 persoas lucenses con dano cerebral, un colectivo de persoas con necesidade especiais. É unha mostra máis da Deputación coas persoas, social e rural que defendemos dende o Goberno Provincial”.

“Baixo esta premisa, levamos a cabo todas aquelas iniciativas que estean ao noso alcance para mellorar a calidade de vida dos nosos veciños. Queremos pór a disposición dos cidadáns todos os recursos públicos do organismo provincial. Queremos contribuír á posta en marcha de proxectos que ofrezan servizos sociais necesarios nos Concellos, defendendo a igualdade de oportunidades vivas onde vivas”, destacou.

O Presidente de FUDACE, Luís Abelleira, explicou que a obra da unidade de patoloxía de duais “acabará antes do remate de ano, polo que en 2019 xa estaremos dando o servizo” e remarcou que as novas instalacións serán posibles “grazas á receptividade e implicación da Deputación que nos cedeu moitos metros alí para levantar un edificio que suporá un investimento aproximado de 1,5 millóns de euros”.

Instalacións de FUDACE

A unidade de patoloxía dual atenderá a persoas de toda a Galicia e novo centro disporá de 16 habitacións para dar cobertura ás necesidades especiais das persoas que sofren este tipo de patoloxías, xa que nalgúns momentos poden ter crises que conlevan situacións de agresividade.

Os terreos cedidos pola Deputación a FUDACE para a construción das novas dotacións atópanse a carón das instalacións do San Rafael e da Granxa Gayoso Castro. Son 2 fincas. Unha de 10.274 metros cadrados, onde na actualidade FUDACE ten o seu centro referencia en Castro de Rei, no que atende unhas 50 persoas con dano cerebral tanto en réxime de residencia como de centro de día e nas que traballan 48 profesionais para a súa atención.

Na segunda finca, de 71.791 metros cadrados, FUDACE constrúe o novo edificio con dita unidade de patoloxía dual. Terá capacidade para un mínimo de 16 persoas con posibilidade de aumentar prazas. Nestas instalacións prestarase servizo a persoas con dano cerebral e trastornos severos de comportamento, que requiren dunha atención moi especializada.

Uso social do patrimonio provincial

O acordo con FUDACE enmárcase na política do Goberno provincial  de dar uso público e social ao patrimonio provincial, que é de todo os cidadáns. Así, a Deputación tamén cedeu gratuitamente o San José a ASPNAIS ou a gardería do Campus a Raiolas, onde estes colectivos sociais tamén van a ampliar os seus servizos para persoas con capacidade diferentes, que necesitan dunha atención especializada.

Cómpre lembrar que FUDACE pediu ao organismo provincial ás instalacións do San Rafael para incrementar neste inmoble provincial o seu catálogo de servizos, pois ten lista de espera de usuarios. A institución luguesa puxo a súa disposición este patrimonio provincial. A Xunta de Galicia e o anterior Goberno Central frustraron este proxecto, negando a FUDACE a súa colaboración económica.

0.19220209121704