Supervisan o final das obras de abastecemento en Chacín

TerraChaXa | AMariñaXa
O delegado territorial de Lugo visitou en Riotorto o resultado das obras realizadas para dotar dunha rede de saneamento o núcleo de Chacín.
abastecemento auga riotorto chacin
30 Mar 2021

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou en Riotorto o resultado das obras realizadas pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, para dotar dunha rede de saneamento o núcleo de Chacín. A Xunta destinou 48.300 euros a executar esta infraestrutura, mediante a instalación dunha rede de colectores e un sistema de depuración de tipo fosa-filtro. Deste xeito canalízanse as augas residuais procedentes dunha trintena de vivendas cara o punto de depuración a través de tubaxes de PVC.

Arias informou de que a Xunta mantén aberto ata o día 26 de abril o prazo de solicitude das axudas destinadas aos concellos cunha poboación igual ou inferior a 5.000 habitantes para executar obras de abastecemento, saneamento e depuración.

A Xunta destina a esta convocatoria un orzamento de 4 millóns de euros a colaborar cos municipios máis pequenos para que poidan garantir un óptimo funcionamento dos servizos de auga, de competencia das entidades locais.

Así, mediante esta convocatoria para o exercicio 2021, subvencionaranse os investimentos realizados desde o 1 de xaneiro na execución de obras necesarias para o funcionamento óptimo dos sistemas de abastecemento municipal; nas obras dirixidas á execución de actuacións de modernización e aumento da eficiencia e eficacia das instalacións de saneamento e depuración existentes; ou os destinados á construción de novas infraestruturas.

O importe destas axudas terá un límite máximo de 50.000 euros por solicitude e cada concello poderá presentar dúas solicitudes, unha referida a actuacións en sistemas de abastecemento, e outra para actuacións en sistemas de saneamento e depuración.

As subvencións distribuirase en dous grupos, o 50% do importe destinarase a obras executadas en sistemas de abastecemento e outro 50% restante a obras executadas en sistemas de saneamento e depuración.

Esta nova medida conta coa financiación do Eixo REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

0.16573095321655