Suplusa sacará á venda once parcelas no polígono de Riotorto
Riotorto ve cada vez máis cerca a creación do seu polígono industrial, unha iniciativa para atraer empresas e xerar postos de traballo, e que desde o Concello din que é moi necesario xa que o municipio non dispón actualmente de solo industrial para a promoción das empresas locais.
O Consello de Adminsitración de Suplusa aprobou iniciar os trámites para formalizar un convenio co Concello de Riotorto co fin de poder ofrecer o solo empresarial do futuro polígono "a un prezo competitivo" que estaría arredor do 25 e 30 euros o metro cadrado. En principio, salerían á venda once parcelas que se entregarían aos interesados con todos os servizos de saneamento e abastecemento.
Co proxecto xa rematado e aprobado só queda o último paso, que sería a aprobación do mesmo no vindeiro Pleno municipal, que se celebrará en abril, aínda que non descartan facer un pleno extraordinario para tal fin.
A intención do rexidor, Clemente Iglesias, é sacar unha ordenanza municipal e axudas para a compra do terreo, para así facilitar a instalación das empresas no polígono. "Xa no 2017 cando se fixo o plan con todos os informes houbo varias empresas interesándose polas parcelas, pero agora haberá que dárlle maior difusión, para que volvan a mostar interese", di o alcalde.
O organismo provincial comprometérase co alcalde do Concello para a redacción do proxecto de urbanización da zona do polígono, que finalmente reunirá once parcelas nun total de 10.215 metros cadrados destinados a tal fine e que terá un importe que rondará os 400.000 euros.
PISTA MULTIDEPORTE
Por outra banda tamén están a plantexar a contrución dunha pista multideporte diante do actual centro sociocultural, obra que estaría financiada integramente pola Secretaría Xeral para o Deporte por un importe de 30.000 euros. Todavía estase a firmar o convenio para despois sacala a licitación. Os terreos onde se vai construír teñen unha superficie de 20x10 metros e a intención do Concello é reunir neste espazo as condicións para a práctica de diferentes deportes.