Susana Ferreiro repetirá á fronte do PSOE en Begonte
A actual voceira do PSdeG en Begonte, Susana Ferreiro Vázquez, é a candidata dos socialistas ás eleccións municipais. “Preséntome cun proxecto ilusionante para recuperar servizos públicos e mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas. Neste mandato Begonte foi noticia en toda España polo peche inxustificado e caprichoso dun colexio público. Eu quero que no futuro xeremos noticias positivas. Non quero que sigamos sendo o exemplo típico de desmantelamento do rural que fai o Partido Popular. Por iso quero gañar o día 28 de maio”, subliñou.
“O rural precisa servizos de calidade e aposta polo futuro. Temos que recuperar os servizos básicos. Porque ademais da escola, na sanidade pechouse o consultorio de Baamonde, e no concello pasamos de contar con tres médicos a ter só dous. Begonte precisa dun Punto de Atención Infantil e dunha gardería, para que as familias non teñan que desprazarse a concellos veciños para poder dispoñer destes servizos”, incidiu Ferreiro.
O secretario Xeral dos socialistas na provincia, José Tomé Roca, destacou que Susana Ferreiro “é unha muller moi comprometida co seu concello, sempre defendendo os intereses dos seus veciños en todas as reivindicacións que protagonizaron nos últimos anos”, como no caso do peche do colexio, a retirada da parada do bus en Baamonde ou o recorte de médicos. É a candidata idónea xa que conta con gran capacidade de traballo, experiencia na política local e que coñece ben o seu concello.”
Susana Ferreiro, tras ser elixida candidata por unanimidade pola militancia, presentará nas vindeiras datas a súa candidatura aos veciños e veciñas, e avanzou que xa está traballando no programa electoral. “Temos que traballar para priorizar servizos básicos no concello, impulsar a creación de emprego, e temos que colaborar conxuntamente con tódalas institucións públicas e colectivos para sacar adiante o noso municipio. Queremos un Begonte no que se poida vivir e traballar”, remarcou a candidata socialista.
Unha profesional da sanidade
Susana Ferreiro Vázquez (Begonte, 1982), exerce como Voceira do PSdeG no Concello de Begonte dende as pasadas eleccións municipais do 2019, nas que concorreu por primeira vez nunha lista electoral, e fíxoo como cabeza de cartel. Desenvolve a súa actividade laboral como técnica de emerxencias sanitarias de ambulancia medicalizada.