Susana Seivane presentará o seu último traballo FA en Ribadeo

TerraChaXa | AMariñaXa
A gaiteira Susana Seivane presentará o seu último traballo FA en Ribadeo este sábado, 23 de febreiro.
Ponte Isabel II
20 Feb 2019

A gaiteira Susana Seivane presentará o seu último traballo FA en Ribadeo este sábado, 23 de febreiro. Deste xeito o Concello celebrará o Día de Rosalía de Castro. O edil ribadense dixo que “para o Concello de Ribadeo é un pracer e unha honra ter connosco a Susana Seivane, hoxe neste Salón de Plenos, e este sábado, 23 de febreiro, ás nove da noite no auditorio municipal Hernán Naval, coa súa música, co seu saber facer, coa súa arte e con toda a súa traxectoria e a súa experiencia que merecen toda a nosa consideración e admiración”.
Graña animou “a todas as persoas que poidan a asistir a este concerto, porque é unha ocasión única e para nós unha ocasión moi especial de celebrar o Día de Rosalía. Comentabamos agora mesmo, antes de comezar esta rolda de prensa, como o mundo da gaita, dos gaiteiros e das mulleres gaiteiras foi pouco a pouco cobrando cada vez máis importancia. E lembrábamos a figura de Rosalía de Castro, como unha persoa que sempre deu esa visión positiva do mundo da gaita. E imos celebrar o Día de Rosalía e pareceunos moi acaído contar coa presenza de Susana Seivane, insisto este sábado 23 ás nove da noite no auditorio Hernán Naval. Acompaña o tempo, acompañaranos a boa música, acompañaranos Susana Seivane”.
Pola súa banda, a gaiteira Susana Seivane dixo estar encantada “sempre de vir a Ribadeo. Teño ademais moitas compañeiras por aí que estudamos xuntas na Coruña e había uns aniños que non viña e este concerto é moi especial por iso, porque sempre é un pracer vir aquí. Ademais neste 2019 estamos de vinte aniversario desde que saíra o meu primeiro disco no ano 1999”.
Susana Seivane explicou que “o sábado imos presentar o noso último disco FA, pero vamos facer tamén un percorrido, unha viaxe por todos os discos que levamos editados dentro deste marco de festexo do 20 aniversario. Centrarémonos un pouco en FA, un disco que leva as iniciais dos meus fillos, Fiz e Antón. É unha historia vital que trato de contar a través da miña música. É o meu disco máis persoal, posto que non hai ningún tema tradicional, son todo composicións coas que quixen transmitir as miñas preocupacións, os meus sentimentos, as miñas dúbidas, o meu amor, moitas cousas a través da música, que creo que é como mellor podo transmitir as miñas cousas. FA fala moito do sentimento da maternidade, do que cambiou a miña vida, fala dos meus nenos de Fiz, de Antón, de cómo é un, de cómo é outro. Hai moitas nanas, hai outros temas que son máis cañeiros, rockeiros, divertidos…”.
Susana Seivane amosouse “encantadísima de poder compartir este traballo do que estou tan orgullosa aquí en Ribadeo. Espero que se anime moita xente a vir. Creo que a taquilla xa vai bastante ben. Espérovos o sábado ás nove da noite e vamos a facer un pouco de festa”.
 


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.11248898506165