Talía Teatro regresa á Casa Museo de Manuel María con 'Rosa Caramelo e outras historias'

As nenas e nenos de entre catro e oito anos, e as súas familias, poderán desfrutar este sábado, 21 de febreiro, ás 17 horas, na Casa-Museo Manuel María, de Rosa Caramelo e outras historias. Un espectáculo de Talía Teatro que conta coa interpretación de Artur Trillo, a música en directo do virtuoso do acordeón Fernando Fraga e a dirección de Paula Carballeira.
Rosa Caramelo e outras historias está baseada en catro historias da italiana Adela Turin, pioneira no tratamento da coeducación e a igualdade a través da literatura infantil e xuvenil, e onde se lle dá a volta a roles e estereotipos de xénero. Un espectáculo para crianzas que combina a palabra e a música e que trata de crear unha atmosfera acaída para desmontar unha serie de ideas impostas e simplificadas, mais fortemente asumidas, sobre actitudes e aptitudes das mulleres e dos homes.
Para asistir ao espectáculo é necesario reservar en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621. O billete ten un prezo de 2 euros.