Tamara Rodríguez renuncia á súa acta de concelleira e asumirá o cargo Mónica González
A concelleira de Cultura, Tamara Rodríguez, anunciou a súa “firme intención” de renunciar á acta de concelleira e ao seu posto no Goberno Local “por motivos de conciliación laboral e familiar”.
Fíxoo arroupada polos seus compañeiros en Vilalba Aberta, incluído o portavoz municipal e vicealcalde, Modesto Renda, e a número 2 da formación e tamén compañeira de Rodríguez no Goberno de Vilalba, Mª Xosé Fernández.
“Apoiamos e comprendemos con toda a dor do noso corazón os motivos polos cales Tamara toma esta decisión”, declarou Modesto Renda que coincidiu con Rodríguez en deixar claro que esta renuncia ven propiciada “única e exclusivamente por motivos de conciliación. Ás súas responsabilidades de Goberno, Rodríguez sumaba ás que tiña como traballadora autónoma á fronte dun negocio e nai, o que na última etapa lle resultaba imposible de conxugar”, explicou o vicealcalde.
Rodríguez agradeceu “a confianza e o cariño que día a día lle mostraron so seus compañeiros” e deu a súa palabra de que a renuncia non se fará efectiva ata que “se teñan rematado as Festas de San Ramón e Santa María” o vindeiro mes de setembro.
Será aí cando deixe o seu lugar á número catro de Vilalba Aberta e actual coordinadora xeral da formación, Mónica González, presente tamén na despedida de Rodríguez e que non só asumirá o seu posto como concelleira se non que asumirá tamén as súas responsabilidades de goberno e a propia área de Cultura.