Tanxarina retoma este sábado a programación da casa-museo Manuel María
A histórica compañía de teatro de títeres e obxectos, Tanxarina, dará inicio á nova programación cultural de inverno da Casa-Museo Manuel María, que comeza este sábado, 20 de xaneiro, ás 17 h, coa representación de un dos seus espectáculos clásicos, Titiricircus. Tanxarina é unha compañía, conformada polos actores e titiriteiros Tatán, Miguel e Andrés, que vén de facer catro décadas de existencia con espectáculos para público familiar, todos eles existosos, como A cazola de Lola, A galiña azul, As bombas e o xeneral... e cos máis importantes premios do teatro galego.
A compañía de Redondela traerá este sábado, a Outeiro de Rei, unha peza con máis de mil quiñentas representacións, que é un recordo ensoñador e festivo do grande circo de carpa alta e biocolor. Dous traballadores daquel circo lembran con monicreques de fíos as glorias do seu pasado na pista. Así, nun permanente xogo co público que asista á función, irán aparecendo os números máis importantes daquel vello circo desaparecido: o home máis forte da Península Ibérica, o malabarista máis divertido e bailador do mundo...
Para asistir ao espectáculo é necesario reservar (billete 2 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698 177 621. A representación vai dirixida para nenos e nenas a partir de catro anos e familias.