Tanxugueiras encabeza o cartel da Festa da Torta de Millo de Guitiriz
Tanxugueiras, o grupo revelación da fusión da música tradicional galega, será a cabeza de cartel da VI edición da Festa da Torta de Guitiriz. As cantareiras actuarán no Campo da Feira o domingo 4 de xuño, ás 20:30 horas, para pechar o evento gastronómico que pon en valor o produto máis típico da localidade.
A Festa da Torta foi presentada esta mañá na Casa Habanera, nun acto que arrincou cunha actuación musical do alumnado da UNED Sénior. “A actuación estrela deste ano será a de Tanxugueiras, como fin de festa. Ademais participarán as agrupacións musicais do municipio. Penso que non hai mellor oportunidade que esta para poñer en valor o traballo que fan durante todo o ano”, destacou a alcaldesa, Marisol Morandeira, que conduciu o acto.
“Ogallá veña moita xente a desfrutar da gastronomía, da nosa tradición e da música”, desexou Morandeira, que estivo acompañada da concelleira de Turismo, Pilar Vázquez. “Animo a todos os que queiran acudir que o fagan porque o vamos a pasar ben”, engadiu Vázquez.
A Festa da Torta de Millo contará, como vén sendo habitual, con música, exposicións e obradoiros, ademais da degustación e venda do postre. Por suposto, estarán os tres establecementos artesáns de Guitiriz que preparan a torta: Panadería David, Pastelería Gómez e Panadería La Esquina. A alcaldesa quixo destacar e agradecer a súa implicación, chave para sacar adiante unha nova edición da festa.
A medida que se achegue, desvelarase a programación completa dun evento que contará cun dispositivo de seguridade e de tráfico especial. Dentro deste plan, o Concello habilitará prazas de aparcadoiro para facilitar o acceso a un evento que regresou o pasado 2022 despois de dous anos de parón polo coronavirus.