Tapas de balde abren desde hoxe o programa da Feira do Poldro de Muras

TerraChaXa
Este domingo será a XXXVII edición dunha cita xa consolidada no calendario galego e recoñecida como Festa de Interese Turístico de Galicia
presentacion-feira-do-poldro-muras
26 Sep 2025

O Concello de Muras celebrará este domingo a XXXVII edición da Feira do Poldro e do Gando do Monte, unha cita xa consolidada no calendario galego e recoñecida como Festa de Interese Turístico de Galicia. Esta feira destaca polo seu importante movemento de animais e ganderías, congregando cada ano exemplares e criadores procedentes de diferentes puntos da comunidade para participar tanto na compra e venda como nos certames e actividades programadas.

O corazón da feira volverá estar na zona onde se atopan os animais, un espazo que permite poñer en valor o arte do trato e manter vivo o legado dos antepasados que transmitiron esa tradición. Non faltará o concurso de gando, do que xa se publicaron as bases, nin tampouco o concurso morfolóxico organizado por Puraga, entidade que tamén colaborará na popular degustación de hamburguesas e chourizos de carne de poldro, un dos pratos estrela da feira e que ano tras ano acada un grande éxito.

Como novidade, nesta edición recuperarase a degustación de carne de poldro nos locais de hostalaría do municipio, que terá lugar o hoxe e o sábado. A carne será facilitada polo Concello e cada establecemento elaborará as súas propias propostas, que poderán ir desde carne asada ata guisos. Esta degustación será gratuíta e busca promover o consumo desta carne de alta calidade, que conta con múltiples propiedades nutritivas pero que aínda non está totalmente instaurada na dieta habitual.

A programación da feira incluirá tamén actividades para todos os públicos, con especial atención aos máis pequenos, que poderán gozar de xogos, inchables, toro mecánico e mesmo un bautismo hípico gratuíto, pensado para achegar o mundo do cabalo ás novas xeracións. Non faltará a música en directo para amenizar tanto a hora do mediodía como a última parte da xornada.

Entre as citas deportivas destacan as carreiras de andadura, tanto para afeccionados como para federados, que ocuparán boa parte da tarde. A feira completarase coa presenza de artesáns —entre eles traballos en madeira de grande valor simbólico como homenaxe ás xeracións pasadas—, tendas con produtos variados, roupa e o sempre demandado polbo á feira.

Desde o Concello agardan repetir o éxito de edicións anteriores, cunha afluencia que mestura perfís moi diversos, desde público do rural ata persoas chegadas do ámbito urbano, consolidando así a Feira do Poldro de Muras como un espazo de encontro, tradición e promoción da cultura e da gandería galegas.

⚙ Configurar cookies
0.089094161987305