Teatro afeccionado este sábado en Burela

TerraChaXa | AMariñaXa
18 Dec 2020

A Deputación Provincial a través  da Área de Cultura, dentro do Ciclo Gargalladas, achega a Burela a obra de teatro O Randiña a cargo do Grupo de Teatro O Torques. A representación terá lugar o sábado 19 de decembro ás 20:30 horas na casa da cultura.  A obra é para todos os públicos e a entrada será libre.

O grupo de Teatro o Torques tivo o seu xerme nun curso de teatro organizado polo Concello  no ano 2015 e impartido por Juan José Villarino Calvelo, coa idea de consolidar en Burela unha actividade teatral regular. Actualmente O Torques é o único grupo de teatro da vila, o cal agarda incorporar ás súas filas novas caras procedentes de obradoiros que se están a impartir a rapaces de entre 8 e 16 anos. Nestes anos de existencia levaron a escena dúas obras de gran éxito “Donde as dan as toman” e “Oxalá”.

A obra que veremos este sábado, “O Randiñá”, recrea as pericias dun vagabundo, O Randiña, no  seu afán de evitar que se lle arrebate o único lugar que considera o seu fogar, un banco da praza. Este singular personaxe fará fronte á indiferenza , ao  abuso e á marxinación  tendo como única arma o seu inxenio  e astucia, logrando sortear cada situación que se lle presente para saír ben librado. Esta obra invítanos a facer unha análise da nosa vida e do noso papel na sociedade desde unha perspectiva diferente.

0.18740200996399