Teixido non se presentará á presidencia do PP de Guitiriz
O ata agora presidente do PP de Guitiriz, o deputado provincial José María Teixido, dá un paso atrás e confirma que non optará a renovar na presidencia local do partido; xa deu a coñecer a súa decisión aos afiliados.
Teixido sinala: “Nunha reunión de afiliados celebrada onte, anuncie que non optarei a renovar como presidente do PP de Guitiriz, polo que se constituirá unha xestora para pilotar o partido e decidir o candidato á alcaldía nas próximas eleccións”. Explica que tanto el como algúns concelleiros levan xa 12 anos representando ao PP no Concello e cre que chegou o momento da renovación. Engade: “É o momento de preparar unha candidatura renovada, para os tempos que veñen, co fin de que o PP consiga a alcaldía de Guitiriz”.
Pola súa parte, na dirección provincial do PP indican que nos próximos días será nomeada a presidencia da xestora, que pilotará o partido ata o próximo congreso local.