“Temos case de todo, sería raro non atopar aquí o que se busca”
Qiqi Chen, xerente do bazar Caracol +, situado no centro de Vilalba
Caracol + é un bazar situado no centro da localidade vilalbesa, na rúa Campo da Ponte, unha das máis concorridas. Con ese nome e unha simboloxía que representa unha casa, esta tenda, na que se pode atopar de todo, ofrece unha ampla variedade de artigos de papelería, decoración, fogar, accesorios de costura, las, festa, ferretaría, iluminación e un longo etcétera.
Caracol + é a segunda tenda que abriu a familia Chen en Vilalba, a terceira que xestionan, xa que teñen outra en Burela.
Que horario teñen e onde están situados?
Para poder facilitar a compra a todos os sectores e tamén para aquelas situacións imprevistas, temos un horario amplo, xa que temos aberto de luns a sábado de 9.30 a 21.30 horas. Lembramos que estamos situados na rúa Campo da Ponte, número 25, baixo.
Canto tempo levan funcionando?
Pois aínda non cumprimos os dous anos, que se farán no mes de marzo deste ano. Inauguramos o día 16 de marzo do 2021 cando se deixou a pandemia un pouco atrás.
Por que escolleron Vilalba?
Non houbo elección posible, xa temos un comercio en Vilalba e como levamos moito tempo aquí pois decidimos seguir xa que os nosos produtos teñen moita demanda.
Como xurde o nome de Caracol+?
Pois a idea creo que queda reflectida no noso logo, un caracol coa casa ás costas. A idea é que como os caracois van coa súa casa enriba, pois aquí pódese atopar todo o que se necesita para unha casa… e moito máis tamén.
Que tipo de produtos venden?
Temos case de todo, sería raro non atopar aquí o que se busca, traballamos desde xardinería ata cociña, case todo o que necesitas para o teu fogar. Por suposto calquera necesidade que xurda podemos cubrila. Ademais, tentamos ofrecer moito produto de tempada, como por exemplo os artigos de Nadal ou Entroido, que xa temos á venda.
Cales son os máis demandados?
A variedade é tan grande que non podemos dicir que teñamos un produto máis demandado que outro. Depende da tempada, ou das modas, pero en xeral está todo bastante equiparado.
Que tipo de clientela é a máis habitual?
A verdade é que temos clientes de todas as idades, desde nenos pequenos que veñen comprar cromos, ata señores maiores de 90 anos. E que a variedade de produtos é tan grande que a clientela é igual de variada, no só en idade, senón tamén en todo tipo de sectores.
Cales son as últimas novidades que teñen?
Pois agora mesmo os produtos de Entroido, temos toda a zona da entrada dedicada para produtos de tempada, e agora mesmo estamos con Entroido despois de que rematara a quenda de Nadal.
Teñen moitas ofertas durante todo o ano. Como se organizan?
Si, agora mesmo hai un mes sacamos unha nova oferta de 10-1, que consiste en que che regalamos 1 euro por cada 10 euros de compra, sen data de caducidade e sen compra mínima.
Que características definen o proxecto de Caracol +?
Pois un dos principais trazos que definen ao noso persoal é a amabilidade. Para nós é imprescindible unha atención directa e amable, co obxectivo de resolver as necesidades coas que acoden os clientes á nosa tenda.
Que proxectos teñen de cara ao futuro?
Agora mesmo non temos ningún proxecto inmediato definido pero tampouco descartamos seguir crecendo se se nos presenta a necesidade ou existe demanda. Fai pouco que abrimos e queremos primeiro completar o traballo aquí.