Tempo para os nenos e as familias para comezar a semana en Vilalba
Os nenos son o maior sorriso das festas, polo que é importante contar con actividades dedicadas a eles.
Os espectáculos e a música para os máis cativos das casas son unha parte fundamental nas festas do San Ramón e Santa María.
Así, contan cun día propio de actividades ademais das que poden desfrutar en familia e todas serán na praza da Constitución.
O Día Infantil será o luns 28 de agosto e nel contarán coa proposta Biblioteca na Rúa a partir das 11.00 horas, que servirá para inaugurar este día.
Durante a xornada haberá contacontos e todo o que queira poderá facelo anotándose na biblioteca ou chamando ao 626 399 329.
Esta festa adicada aos máis pequenos das casas completarase coa iniciativa Xogos en Familia, que dará comezo ás 12.00 horas e centrarase en xogos tradicionais galegos como o da corda, carreiras de sacos, ovo e culler, etc.
Os xogos tradicionais galegos, ademais de diversión, recollen unha parte da nosa cultura que cómpre coñecer. O que se busca con este tipo de iniciativas é revitalizar o seu uso para que volvan formar parte do día a ía dos nenos.
A listaxe de xogos tradicionais galegos conta cun bo número e moitos deles están recollidos para o seu coñecemento na web Brinquedia.
Xa pola tarde, a partir 17.00 horas, será a quenda da Festa Infantil que se prolongará ata ás 20.00 horas e contará con xogos xigantes, xincanas, inchables, festa Holi, etc.
E ás 17.30 horas poderase desfrutar do espectáculo Circando no templete.
A gala de circo na rúa conta sempre coa participación de tres compañías e unha banda de música ao vivo nun espectáculo para todos os públicos, de 100 minutos de duración, co mellor do noso novo circo introducido por unha mestra ou mestre de cerimonias que dá paso a unha grande variedade de espectáculos e números circenses. A interacción entre as tres compañías participantes, a participación do público, a variedade de técnicas artísticas, as espectaculares acrobacias aéreas, o encanto da música en directo, a presenza dun presentador ou presentadora como nexo do espectáculo e toda a maxia e ilusión do circo son eixos e os maiores atractivos deste espectáculo.
Ás 18.00 horas comezarán as XXIX Simultáneas de Xadrez.
HORARIOS
- 11.00 horas Biblioteca na rúa.
- 12.00 horas Xogos en Familia.
- De 17.00 a 20.00 horas Festa Infantil
- 17.30 horas. Circando.
- 18.00 XXIX Simultáneas de Xadrez