“Tentaremos facer unha oposición útil e construtiva defendendo aos vilalbeses”

TerraChaXa
O nomeamento de Sandra Váquez como secretaria xeral de Igualdade na Xunta de Galicia trouxo un cambio importante nas filas do Partido Popular de Vilalba.
sandra lopez pp vilalba
10 sep 2023

O nomeamento de Sandra Váquez como secretaria xeral de Igualdade na Xunta de Galicia trouxo un cambio importante nas filas do Partido Popular de Vilalba. Cambiouse a dirección do mesmo nomeando como voceira a Sandra López.

Como afronta este novo cargo?

Coa máxima motivación e responsabilidade. Sei que teño por diante un camiño de aprendizaxe e cousas que mellorar, e niso poñerei o máximo empeño. E tamén coa responsabilidade de saber que represento a un grupo de persoas; un grupo unido e traballador, que pretende estar á altura do que esixen os vilalbeses e vilalbesas.

Fálenos un pouco de vostede. Como comeza a súa relación coa política?

A presidenta do noso partido, Sandra Vázquez, propúxome formar parte da candidatura do Partido Popular para as elección municipais do pasado 28 de maio. A ilusión que ela me transmitiu polo traballo en equipo e as ganas dun cambio para Vilalba foi o que me animou a aceptar a súa proposta.

E a súa vinculación co partido?

O Partido Popular, segundo o meu punto de vista, representa o sentido común, a seriedade e a responsabilidade, e iso considero que é o que demanda a maior parte da veciñanza.

Ao meu entender, a vinculación primordial de todo político/a deben ser as persoas ás que representamos, neste caso os vilalbeses/as.

Que proxectos teñen?

Os proxectos que tíñamos ían plasmados no programa electoral e, agora dende a oposición, intentaremos velar polo benestar do pobo, levando a cabo todos aqueles proxectos que podamos dende a oposición. Tentaremos facer unha oposición útil e construtiva na que defendamos os dereitos dos vilalbeses e vilalbesas.

Cal é o primeiro reto?

O primeiro reto xa se nos presentou no pasado pleno do día 26 de xuño, onde PSOE e VA pretendían quitarlle as competencias ao Pleno e darllas á Xunta de Goberno Local, na que ten maioría o PSOE. Isto implicaría, darlle todo o poder de decisión ao PSOE e iso non foi o que votaron os vilalbeses/as. O equipo de goberno pretendía así gobernar, a través da Xunta de Goberno, cunha maioría que non obtivo nas urnas.

Cales serán os obxectivos para estes vindeiros anos?

O obxectivo é cumprir co mandato das urnas. Somos o partido con máis representación, 8 concelleiros/as, apoiados por 3.810 votantes, aos que nos debemos. O noso obxectivo é defender os intereses de todos os vilalbeses/as e para iso traballaremos diariamente e escoitaremos aos nosos veciños/as.

Por onde comeza a traballar?

Pola escoita á cidadanía. O noso programa electoral estivo baseado nas propostas que fixeron os veciños e veciñas durante os últimos anos. A nosa pretensión é continuar coa liña de traballo iniciada pola nosa presidenta, Sandra Vázquez.

Cales consideran que son as principais necesidades ou problemas que ten a vila?

Unha das principais necesidades está  nas estradas do no noso rural, non se fixo o mantemento necesario e agora atópanse nun estado de abandono total, non se trata dun caso puntual, por desgracia todas as parroquias están igual, o que supón un grave prexuizo para os veciños do rural que pagan impostos igual que os demais.

En canto ao casco urbano, un dos problemas fundamentais radica na parálise do polígono. Un polígono é o motor económico dunha vila. Impulsar ao polígono industrial implicaría unha cuestión de vital importancia como é a creación de postos de traballo, e para que medre Vilalba, debe medrar o seu polígono.

Que é o que máis lle preocupa?

A falta de organización e xestión do concello o que xerou unha forte descompensación nestes últimos catro anos, por exemplo, no casco urbano efectuáronse obras faraónicas, como a piscina da Madalena e a rúa da Pravia, inversións descomunais, e sen embargo, deixáronse de lado ás aldeas e os servizos básicos da nosa vila.

0.12578797340393