Terra Chá Sostible recibe o respaldo do Ministerio na denuncia das accións de roza nos humidais de Begonte
A asociación para a defensa do medio ambiente Terra Chá Sostible recibiu contestación dende o Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico dándelles a razón sobre os "graves danos" debido a rozas nos humidais da Lagoa de Fontefría e as Lagoas do Chao en febreiro de 2020.
O colectivo denunciara que se realizaron actuacións de curtas e rozas en grandes superficies de hábitats prioritarios en varios humidais de Begonte sen ningún tipo de control o que provocou nestas zonas graves danos debido a desbroces.
"A información elaborada polo Consello Científico é en gran medida coincidente co contido nos informes emitidos polo propio órgano xestor da Reserva, así como polos servizos da Consellería de Medio Ambiente e o Organismo de Cuenca, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil. Informes nos que se pon en evidencia as afeccións sufridas neste humidal. Á vista da información dispoñible, o Consello Científico quere alentar ao órgano xestor da Reserva e ás entidades competentes, en fortalecer a protección destes humidais e evitar que as mesmas se volva a producir. O Consello Científico, alenta ademais aos organismos competentes a valorar a posibilidade de reverter algunhas das actuacións negativas detectadas, especialmente as que se refiren á modificación hidrolóxica e ás plantacións de eucaliptos sobre o humidal", di o organismo oficial
Estes humidais forman parte da Reserva da Biosfera de Terras do Miño e figuran no Inventario dos Humidais de Galicia. A maior parte da área de ambas as zonas húmidas atópase dentro da Zona-1 da ZEC Parga-Ladra-Támoga (a de maior protección), e en consecuencia forma parte da Zona Núcleo da Reserva de Biosfera, mentres que o resto da superficie do humidal está contemplado, dados os seus valores ecolóxicos, na proposta de ampliación da Rede Natura 2000, promovida pola Xunta de Galicia. A xestión destas zonas húmidas está determinada pola lexislación europea, estatal e galega.
Segundo explican dende esta asociación, as Lagoas do Chao foron obxecto de rozas mecanizadas desde o ano 2014, “que provocaron a destrución de gran parte do arborado integrado dentro do hábitat prioritario, así como unha importante superficie de queirogais húmidos, hábitat tamén considerado como prioritario. A actuación non tivo máis xustificación que levar a cabo unha serie de actuacións para favorecer a actividade cinexética no humidal, financiadas con fondos europeos. Estas actuacións supoñen un total incumprimento dos obxectivos de conservación contemplados na normativa europea, estatal e autonómica, así como do propio plan de xestión da ZEC”.
Sobre a Lagoa de Fontefría sin que se realizou no ano 2019 un desbroce mecanizado que afectou a unha gran extensión no hábitat, tanto dentro do límite da Rede Natura 2000, como fóra de este. “Nas ortofotografías aéreas do servidor a Xunta de Galicia, apréciase que este tipo de actuación, considerada como non permitida no Plan Director da Rede Natura 2000, dado o seu efecto negativo sobre o hábitat, realizouse en anos anteriores, afectando igualmente a unha gran superficie do humidal”, subliñan.
Detectaron tamén a presenza de numerosos cartuchos de escopeta con restos de chumbo, “polo que sabemos que se esta a producir caza , actividade prohibida nos humidais protexidos”.
“As actuacións de cortas e rozas sobre grandes superficies de hábitats prioritarios, constitúen un ataque moi grave sobre o equilibro ecolóxico destes humidais, afectando en consecuencia de forma negativa ao estado de conservación dos seus hábitats e das especies protexidas de flora e fauna. Estas actuacións que van en contra as normativas aprobadas tanto pola Unión Europea, o Estado Español e a Comunidade Autónoma de Galicia, así como as recollidas no propio plan de xestión da ZEC Parga-Ladra-Támoga”, reclacan.
Solicitan por tanto que se tomen as medidas pertinentes para a restauración ecolóxica dos hábitats afectados e que se aumente a protección de ditos humidais por parte dos organismos competentes en materia de conservación.