Testemuñas da pandemia: Ortegal Oil

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
16 Maio 2020

A gasolineira de Ortegal Oil de Barreiros viuse afectada pola escasa circulación de vehículos, “casi non se vende combustible”, di Antonio López, director de Ortegal Oil, “perdimos arredor dun 60% nas ventas”.

Durante os primeiros 15 días da crise foron aguantando sen aplicar ningún Erte, pero a primeiros de abril víronse obrigados a reducir as xornadas de traballo dos seus empregados para poder adaptarse ás baixas ventas. Ademais de acollerse a un Erte e ter que pedir un aval ICO.

Nestes momentos a empresa atópase “ao límite de aguantar a suspensión da actividade, pero afortunadamente a flexibilización de certas restriccións estos días, fan que se note unha mellora nas ventas”, di Antonio López.

Ademais de ter o servizo de repostaxe no parque empresarial de Barreiros reparten gasóleo a domicilio, “aí notamos un incremento das vendas as dúas primeiras semanas, supoño que o tempo no que máis duro foi o confinamento e ao estar a xente nas súas casas, consúmese máis gasoil de calefacción e auga quente. Pasados esos 15 días, xa notamos que as vendas volveron á normalidade”.

Tamén fala das medidas que poderían axudar aos empresarios e aos negocios en xeral e cre que o mellor para os negocios sería “volver abrilos, que non che caiba a menor dúbida que todos queren abrir adoptando as medidas de seguridade adecuadas, ninguén ten máis interese en protexer á poboación que os propios empresarios. E garantir que o teu establecemento é seguro para a poboación é a mellor estratexia de márketing na actualidade”, engade.

Esta situación de crise pode ter consecuencias graves “porque hai negocios que unha vez pechados non volverán abrir. Mentres están pechados, ningún negocio xera ingresos, pero deben atender pagos, polo que certos empresarios, cando queiran abrir, van atopar que financeiramente non poden”.

0.17999601364136