Todo listo en Vilalba para a xira da mocidade que comeza este venres
E despois da xira dos maiores chega este venres a esperada xira da mocidade que este ano terá tres días de duración durante toda a fin de semana na Madalena nun ambiente de festa rachada en grupos de amigos e familiares nas tradicionais merendas.
Sen dúbida trátase da antesala das festas patronais e unha das citas máis esperadas pola mocidade vilalbesa.
Arrancará o venres pola noite, ás 22.30 horas coa Prexira, que consistirá nunha sesión de Dj’s entre os que se atopan David García, Cris, Vázquez, Alejandro Varela (Doctor Chaff) e Diego Amido (Oxígeno).
Continuará a gran festa o sábado 27 de agosto xa coa música de orquestra, que este ano estará ao cargo do grupo Punto Clave, orquestra Escaparate e Festicultores, que se repartirán o horario de actuación, que durarán dende a sesión vermú á verbena.
O domingo continuará a festa co grupo JB Son en sesión vermú para deixar unha tarde de diversión e sesión musical a cargo de Puzzle Animación.
RESPONSABILIDADE
Para que todo transcurra con normalidade e sexa un éxito, o concello fai un chamamento a todos os veciños e veciñas para compaxinar a celebración co respecto á contorna natural e ao medio ambiente, prestando especial atención e consideración naquelas zonas ou terreos de propiedade privada.
Este sería o caso da maior parte dos terreos situados no monte da xira, onde se desenvolverá con normalidade tal e como se viña facendo anteriormente, pero incidindo na necesidade de evitar prácticas que podan ocasionar danos á natureza, así como pedindo a limpeza posterior e adecuada xestión dos residuos, tanto nas zonas públicas como privadas, tendo en conta que estas últimas son cedidas polas persoas propietarias dos terreos para esta celebración.
Ademais, lembran a importancia de deixar os accesos libres e poñer as merendas dun xeito ordeado que permita a convivencia de todos os grupos. O concello está convencido de que a celebración será un éxito se todo o mundo actúa con sentido común e respecto ao resto das persoas e á contorna, agradecendo de antemán a colaboración.
PRESENTACIÓN DUN LIBRO
Outra das citas literarias das festas será a presentación do libro Lois Peña Novo 55 anos depois, que terá lugar o día 26, venres, ás 19.30 horas na casa da cultura. Trátase dun acto organizado polo colectivo Egeria.
PUNTOS LILA
O Concello de Vilalba instalará nas Festas Patronais de San Ramón e Santa María un punto lila, co obxectivo de realizar un traballo de sensibilización contra a violencia sexual e dar apoio en caso de posibles agresións.
O punto lila estará habilitado o 27 de agosto na Xira Campestre, no San Ramón o 31 de agosto no Campo da Feira e o 1 de setembro coa celebración de Santa María na Praza da Constitución a mediodía e pola noite. O posto estará atendido por persoal especializado en violencia de xénero e en violencia sexual.
O Concello de Vilalba xa instalara un punto lila nas últimas festas patronais previas á pandemia, no 2019. Daquela, unicamente se instalara durante a celebración da Xira Campestre, mentres que este ano se amplía con dúas ubicacións adicionais.
No punto lila ofrecerase atención ante agresións sexistas, facilitarase asesoramento neste tipo de situacións, ademais de poñerse en marcha unha campaña de concienciación sobre a violencia sexual. Este ano farase especial atención sobre posibles métodos de submisión química.
“Non podemos falar dunha festa se a metade da poboación non se sinte segura, por iso queremos concienciar a toda a cidadanía de gozar dunhas festas libres de agresións sexistas”, explica a concelleira de Igualdade, Vanesa Siso.
Ademais, aproveitarase o punto lila para informar sobre os recursos municipais en materia de igualdade e contra a violencia de xénero. Dende o Concello de Vilalba insisten a todas as mulleres, e en especial ás rapazas, que se acheguen ao punto lila en calquera momento e que recorden que teñen outro tipo de apoios fóra das festas, como o CIM.
O Concello de Vilalba recorda ademais que existe a APP “En Rede Vilalba”, ten por obxectivo achegar información de utilidade sobre as violencias machistas á mocidade e adolescencia, especialmente ás mulleres adolescentes vilalbesas (https://www.vilalba.gal/apps/).
A campaña do punto lila está impulsada a través da concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM), ademais de contar co financiamento dos fondos do Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero.
“Esperamos que tamén os homes se acheguen ata este posto, para informarse e entender a importancia das relacións respectuosas”, explica a concelleira, quen engade que existirá “tanto material dirixido aos homes como ás mulleres, xa que esta é unha loita de todos”.