Todo listo para a Rapa das Bestas da parroquia de Carballo en Friol
A comunidade do monte veciñal de Carballo convida a todo o mundo a participar e gozar da súa tradicional Rapa das Bestas, que se celebrará o 30 de xullo e para a que xa está deseñado o programa que ten o obxectivo de recuperar o Cabalo Pura Raza Galega.
A celebración comezará ás 9.00 horas coa subida das bestas ao curro. Para elo, xente a pé, cabaleiros e amazonas sairán na súa busca polo monte, para posteriormente conducilas ao curro. Separando os poldros, dará comezo o gran espectáculo da pelexa corpo a corpo entre aloitadores e bestas, na que prima o bo trato aos animais e na que se aproveita a ocasión para realizar os axeitados tratamentos sanitarios. Esto terá lugar a partir das 12,00 horas. Rematará co recoñecemento aos aloitadores e cabaleiros que participaron, previsto para as 13.30 horas.
Haberá un xantar con servizo de bar e carpa cun menú de 25 euros que contará con polbo, churrasco, sobremesa, viño e café.
A tarde, a partir das 17.00 horas, resérvase para as carreiras de galope entre cabalos cruzados e puros, ás que seguirá a beleza técnica das carreiras de andadura serrada e chapeada que darán fin a xornada. Finalizarán a xornada cunha intrépida xincana, sobre as 19.30.
Nas carreiras de galope estableceranse catro premios para os cruzados e outros catro para os puros, o mesmo que na modalidade de andadura, con catro gañadores tamén para serrada e outros para chapeada.
A inscrición para as carreiras ten un custe de dez euros por cabalo e será gratuíta para os que presenten tiquet de xantar. A inscrición pecharase ás 14.00 horas.