Todo listo para celebrar unha nova edición da Moexmu a partir do 31 de marzo
Muimenta volverá ser a capital do agro entre o venres 31 de marzo e o domingo 2 de abril, datas nas que se celebrará unha nova edicion da Moexmu, a feira multisectorial na XXXIX edición da Mostra Exposición, o XXXVII Concurso de Gando Frisón, a XXXVII Exposición da Gando de Raza Rubia Galega e a XXVII Poxa de Gando Selecto.
A voceira socialista do Goberno provincial e Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, presentou este xoves na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos a 39ª edición da Mostra Exposición de Muimenta (Moexmu), xunto ao membro da organización Daniel Pollán, e o Alcalde de Cospeito, Armando Castosa. A Asociación de Comerciantes, Empresarios, Profesionais, Gandeiros e Autónomos de Muimenta organiza esta cita, que, un ano máis, conta coa colaboración da Deputación de Lugo.
Un ano levan traballando dende a comisión para ofrecer de novo este ano un programa de alto nivel, que dará comezo coa lectura do pregón a cargo da xornalista de Baltar Carmen Uz, o venres ás 19.20 horas no recinto feiral Manuel Vila López.
A feira multisectorial, que conta cunha importante presenza de gando, maquinaria agrícola e gandeira e artesanía abrirá as súas portas durante as xornadas de sábado e domingo a partir das 9.00 horas cos concursos de gando, o primeiro día, pola mañá de xatas e xovencas, e de gando frisón pola tarde xunto á poxa de gando selecto tamén en xornada matinal.
O domingo será a vez dos concursos de manexadores, para a mocidade primeiro e para os adultos despois. Clausurarase oficialmente ao mediodía pero a feira permanecerá aberta ata a noite.
Este ano os carteis anunciadores da feira estiveron da man de Paula Francos Anllo. Ambos carteis forman ou representan un corazón, órgano que metafóricamente simboliza a importancia da Moexmu (corazón) para o sector (corpo), xa que sen a feira, o mundo das citas agrogandeiras non podería vivir.
Nos concursos de gando cobra especial relevancia a presenza de Pol Collel Sabaté, natural de Manlleu, que será o xuíz do Concurso de Gando.
Este gandeiro catalán, ocúpase na actualidade da xestión da granxa familiar El Campgran, na que se manexan 170 vacas en ordeño, dun total dunhas 330 cabezas, cunha media de calificación morfológica de 84,50, unha media de producción por vaca e día de entre 37 e 42 libros.
A súa experiencia como xuíz de Conafe, en activo dende o 2015, xulgando certámenes de distinta categoría ao longo da xeografía de España.
Pol Collel xa estivo no concurso de gando da Moexmu na edición celebrada no ano 2016
PRESENTACIÓN
García Porto sinalou que se trata dun evento “plenamente consolidado, un referente no seu ámbito que reflexa moi ben a capacidade que temos no noso rural para impulsar iniciativas que favorecen a actividade económica e social e que contribúen ó desenvolvemento da provincia”. Ademais dunha achega económica por importe de 8.000€, a institución provincial cede dúas xatas da Granxa Gayoso Castro como galardón para os gandeiros e gandeiras.
“Con citas como esta apoiamos ó rural e ó sector primario, unha das liñas de actuación prioritarias na nosa acción de Goberno. A Moexmu favorece precisamente iso, visibilizar e impulsar a actividade do noso rural, e a actividade agrogandeira como un motor económico e social da nosa provincia”, apuntou a deputada. Ademais, a súa celebración, cita xa obrigada para a veciñanza da provincia, beneficia a actividade do comercio, a hostalería e o turismo de pequenos desprazamentos polo que tamén aposta a institución provincial.