Todo preparado en Muimenta para a Moexmu 2025, que crece en tamaño e en presenza de gando

TerraChaXa
A Feira Multisectorial contará con numerosas actividades para todas as idades durante os tres días que dura
presentacion-moexmu-2025
31 Mar 2025

Muimenta volverá ser a capital do agro entre o venres 4 e o domingo 6 de abril, datas nas que se celebrará unha nova edición da Moexmu, a feira multisectorial na XLI edición da Mostra Exposición, o XXXIX Concurso de Gando Frisón, a XXXIX Exposición da Gando de Raza Rubia Galega e a XXIX Poxa de Gando Selecto, ademais do IV Concurso de Xóvenes Peladores, o XXIV Concurso de Xóvenes Manexadores e o VII Monográfico do Can de Palleiro.

O acto de presentación tivo lugar no recinto feiral Manuel Vila López, onde se desenvolverá a cita, que abrirá as súas portas este venres co pregón de Ricardo Durán, director da Fundación Semana Verde, ás 19.00 horas. A Asociación de Comerciantes, Empresarios, Profesionais, Gandeiros e Autónomos de Muimenta organiza esta cita, que, un ano máis, conta coa colaboración do Concello, a Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia, ademais de administracións públicas e privadas.

A feira multisectorial, que conta cunha importante presenza de gando, maquinaria agrícola e gandeira e artesanía abrirá as súas portas durante tres días, con especial protagonismo para as xornadas de sábado e domingo a partir das 9.00 horas cos concursos de gando, en xornadas de mañá e tarde. Este ano hai xa inscritas  para o Concurso de Gando Frisón 18 gandarías, tanto de Lugo (7) como de Pontevedra (2), A Coruña (8) e unha de Asturias. Son un total de 106 cabezas de gando (cun valor de 343.900 euros) para concurso e 11 para a poxa, prevista para o sábado ás 12.15 horas. En Rubia Galega participan 15 cabezas de gando en colaboración con Acruga.

O domingo será a vez dos concursos de manexadores, para a mocidade primeiro e para os adultos despois. Clausurarase oficialmente ao mediodía pero a feira permanecerá aberta ata a noite.

Os carteis anunciadores da feira estiveron outro ano máis da man de Paula Francos Anllo. Nesta ocasión, os carteis están deseñados con detalles clave do mundo agrogandeiro e artesán.

Este ano o xuíz do concurso será Javier Freije, que acude por cuarta vez á Moexmu, e os premios para as 24 seccións dos concursos suman os 26.000 euros. E como novidade, este ano será a primeira vez que se poña en marcha o convenio suscrito o pasado mes de febreiro entre Africor Lugo e Caixa Rural Galega, polo que a entidade bancaria subvencionará con 200 euros a adquisición de cabezs de gando na poxa.

Ademais dos concursos, a Moexmu contará con moitas máis opcións nos máis de 27.000 metros cadrados de exposición, dos cales 16.000 serán ocupados por maquinaria nova e usada, un dato que se incrementa con relación ao ano pasado. Os postos estarán ocupados por artesanía popular, produtos galegos e xa están ao completo.

Haberá exposición de traxe tradicional do Centrad, así como demostracións de artesáns e música e este ano estréase na Moexmu o matadoiro móbil de Medio Rural. Completa o programa como todos os anos o concurso de Cans de Palleiro, puntuable para o Campionato Galego, que será o domingo pola tarde.

⚙ Configurar cookies
0.097064018249512