Todo preparado en Santaballa para a XIII Feira da Migración Indiana
A deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira, xunto á alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro Fernández, o presidente da Asociación Cultural Amigos da Liga Santaballesa, Isidro Cillero Prieto, e tres directivos do colectivo, presentou este xoves na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos as XIII Xornadas sobre Migracións Indianas e a Feira Indiana, que se celebrarán o vindeiro sábado, 23 de setembro, e o 4 de novembro, co apoio da institución provincial.
Marisol Morandeira felicitou ao colectivo organizador polo seu traballo para sacar adiante un encontro “de tan alto valor cultural e histórico”, que “visibiliza a importancia que tivo a migración no progreso cultural e económico de Santaballa e pon en valor o seu rico legado”. Ademais, “repercute moi positivamente na hostalería e no comercio vilalbés”, e favorece “o tipo de turismo sostible, de calidade e experiencias que impulsamos dende a Deputación”.
Por iso, a institución provincial mantén un firme compromiso de colaboración coa Liga Santaballesa e nesta edición achega 4.000€ para organizar as xornadas.
O programa
Sábado, 23 de setembro
- 12:00h. Inauguración da exposición Luces de Alen Mar
- 12:15h. Mesa redonda As Escolas da Migración, moderado por Daniel Manuel Vázquez Vila e con música de David Vilares
- 14:00h. Pezas de música caribeña co Dúo Matices
- 15:00h. Xantar aberto ao público
- 16:30h. Exhibición de bailes tradicionais cubanos a cargo de Edro Dance, pasarrúas co Dúo Matices, Toxo Guayara e David Vilares
- 20:00h. Queimada popular teatralizada con Manolo Rubiños Ferreiro
- 21:00h. Foliada con Toxo Guayara
4 de novembro
Realizaranse visitas guiadas á casa-escola e á exposición.