Todo preparado para a Festa da Filloa, que xa ten gañadores do concurso infantil
Poranse á venda durante todo o día unhas 18.000 e este ano, por primeira vez, haberá filloas sen gluten.
A Festa da Filloa de Muimenta volverá celebrarse este mércores, 1 de maio, no recinto feiral Manuel Vila da localidade na que é a 33 edición desta cita, que conta coa declaración de Interese Turístico de Galicia desde o ano 2008.
A partir das 7.30 horas entrarán no recinto as filloeiras e filloeiros, que xunto cos membros da organización traballan de forma voluntaria durante a xornada. Este ano, desde as 8.00 horas estará comezando a facer filloas a máquina de Lestedo e as filloeiras e filloeiros comezarán o seu traballo a partir das 9.00.
A Festa da Filloa de Muimenta contará este ano cun gran número de actividades que se desenvolverán a partir das 10.00 horas, cando se abrirá a exposición de traxe tradicional e cantería do Centrad nas oficinas do Recinto feiral.
Están previstas actividades vinculadas á caza organizadas polo Tecor Terra Chá como un simulador de tiro, exhibición de agility, de cetrería e tiro con arco en sesión de mañá e tarde. Tamén haberá un taller de Xoán Manuel Tubío, Xaneco, con dobre sesión, ás 12.00 e ás 16.00 horas.
Os actos oficiais serán a partir das 13.30 coa inauguración oficial seguida da lectura do pregón que estará a cargo da periodista de Castro Ribeiras de Lea Tania Fernández Lombao. Seguidamente entregaranse os premios do concurso de relato e debuxo e farase unha visita polas instalacións.
MÚSICA
Non faltará un completo abano musical para animar a xornada. Está prevista a actuación de A Volta do Agro durante a mañá, así como do grupo de música e baile da asociación cultural Arume de Caión. Pola tarde estarán Leña Verde, as Pandereteiras de Muimenta e a Escola de música e baile tradicional da Pastoriza. Completarase o apartado musical coa sesión vermú, que estará a cargo de Cosmedeejay, de Eventec.
A directiva de Xotramu abrirá pola tarde o Museo da Zoca e a Escola Vella para todas aquelas persoas que desexen visitalos, así como a mostra Crónica da pegada do Porco Celta en Galicia, de Asorporcel.
Durante todo o día haberá un sorteo de catro garrafas, valoradas en 60,00 euros, cada unha delas, doadas por Aceites Abril. O sorteo terá lugar, en principio, durante a inauguración. Repartirase un par de rifas entre cada colaborador da Festa da Filloa, e unha rifa por cada ticket de filloas e churrasco que se merque ao longo da xornada; e en cada sorteo se irán acumulando as rifas entregadas ata ese momento. Límite máximo serán catro mil rifas.
OS DETALLES
- Conta cun orzamento de 36.000 euros.
- Estímanse que se porán á venda unhas 18.000 filloas ao longo de toda a xornada.
- Este ano, por primeira vez, haberá filloas sen gluten.
- Haberá unha exposición de artesanía e produtos de calidade.
- En total haberá 145 colaboradores, dos que 66 son filloeiros.
- Un total de seis pedras da Baña estarán coas filloeiras e filloeiros de Muimenta.
- Tamén haberá unha máquina de facer filloas de Lestedo.
- No concurso de debuxo participaron un cento de traballos dos colexios de Vilalba, Castro de Rei, Castro Ribeiras de Lea, Meira, Abadín e Muimenta.
- A ración de media ducia de filloas terá un prezo de 4 euros e a ración de churrasco, chourizo, pan, viño, auga, queimada e café será de 12 euros.
- O público asistente poderá facer unhas pranchadas de filloas
- Haberá degustación de filloas con nocilla, nata ou mel.
FALLO DOS PREMIOS DO CONCURSO DE RELATO E DEBUXO
Na tardiña deste luns 29 de abril, tivo lugar a xuntanza do xurado do XXIV Concurso de Debuxo e Relato da Filloa. Na temática desta edición, os nenos tiveron que realizar os seus traballos sobre A Festa da Filloa.
Os traballos gañadores serán expostos durante a celebración de dita festa gastronómica, e os galardoados recibirán os seus premios despois do pregón da Festa o vindeiro primeiro de maio.
Ao final, foron 139 os traballos presentados de oito centros escolares:
Os premios están patrocinados pola propia comisión da Moexmu, ademais do Concello de Cospeito, a Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, a Delegación Provincial en Lugo da Xunta de Galicia, Turismo de Galicia, Abanca, Caixa Rural Galega e Aceites Abril. Ademais a Universidade de Santiago de Compostela, que fará entrega dunha tableta, ou ben ao mellor debuxo ou ao mellor relato (non se fai público ata a entrega dos premios durante a celebración da XXXIII Festa da Filloa de Muimenta).
Por outra banda, teremos un par de modificacións no programa previsto. Ás doce do mediodía, terá lugar a actuación da “Escola de música e baile tradicional da Pastoriza”, nos locais de hostalaría próximos ao Recinto Feiral e tamén a esa hora comenzará unha degustación de xamón de porco celta, en colaboración con Asoporcel, ata aproximadamente ás catorce horas, dentro do propio recinto.