Todo preparado para a gran Festa da Xuventude de Begonte deste sábado
Begonte prepárase para celebrar este sábado a Festa da Xuventude, que organiza o Concello, unha celebración na que se busca ofrecer unha alternativa de ocio á xente moza do Concello cunha ampla programación.
A festa volve celebrarse no club fluvial de Begonte e abrirá a programación ao mediodía coa actuación do grupo D'Vicio en sesión vermú.
Durante a tarde desenvolveranse numerosas actividades. Unha delas consistirá na celebración do primeiro Open de fútbolín de modalidade de parado, que se iniciará ás 16.00 horas. Haberá dúas categorías, con 8 premios na de Elite e catro na de primeira con recompensas de entre 500 e 30 euros para os participantes. A inscrición é gratuíta.
Outra das actividades da tarde será a festa do baloncesto, que terá lugar a partir das 18.00 horas no mesmo club fluvial coa participación de Maximus. Haberá música, speaker, agasallos, xogos, competicións e inchables.
Completa a programa vespertino un campionato de tute, qu ten como prazo de inscrición o día 11 de maio e un prezo de 20 euros por parella. Haberá tres premios de campionato e 3 para a repesca, e só haberá recompensa económica para os dous primeiros. Comezará ás cinco da tarde e só se celebrará si hai un mínimo de 16 parellas.
Tamén están previstos xogos populares para todas as idades.
Á noite, ás 21.30 horas está programada unha cea, que inclúe bebida, empanada e churrasco antes da música das orquestras Cinema e Broken Peach en sesión verbena.
Ademais, está prevista a fin de festa co DJ Ello.