Todo preparado para celebrar este sábado o Slalom Concello de Guitiriz

TerraChaXa
A competición dará comezo a partir das 16:30 horas, pero os diferentes trámites previos empezarán ás 8:30 horas
presentacion-slalom-concello-de-guitiriz
21 Apr 2025

Xa está practicamente todo preparado para a celebración do Slalom Concello de Guitiriz Gran Premio Ruta da Auga deste próximo sábado, 26 de abril. A falta de coñecer o número total de participantes na proba, que se confirmará co peche de inscricións desta mesma tarde, en Guitiriz xa se respira o ambiente de competición con esta proba, organizada en conxunto entre o Concello e o Club Escudería Scratch Fene.

A proba automobilística, de carácter nacional e puntuable para o Campionato de Galicia de Slalom, foi presentada hoxe na Escola Habanera pola alcaldesa, Marisol Morandeira, o director de carreira, Édgar Vigo, o comisario, David Montero, e o piloto debutante Miguel Villanueva.

A competición, que conta cun percorrido similar a outros anos, iniciarase a partir das 16:30 horas, pero desde as 8:30 horas estaranse a realizar os diferentes trámites previos, como as verificacións técnicas. O remate da carreira está previsto para as 20:30 horas aproximadamente e a entrega de premios será en torno ás 21:15 horas.

Nesta sexta edición do Slalom destacan os tres premios especiais ademais dos regulamentados, que serán protagonistas na cita desta fin de semana, co afianzamento do VI Trofeo Feminino Pub Zeus e os novos premios, o I Trofeo Traseiras Pub Titanic e o I Trofeo Pilotos Lucenses Carnicería Vitorio. En total, con estes tres premios repartiranse 900 euros extras, con 150, 100 e 50 euros para os tres primeiros clasificados de cada un. As inscricións para os tres premios especiais van por bo camiño, destacando o caso do premio feminino, no que xa hai catro pilotas inscritas, acadando cifras superiores ao resto de anos.

Na proba repartiranse un total de 1860 euros, con 960 euros destinados aos premios regulamentados, a repartir entre os oito primeiros clasificados. Neste sentido, destacan os premios aos tres primeiros, dotados de 300, 200 e 100 euros. Ademais, a organización obsequiará aos gañadores de todas as categorías con tortas de millo de Guitiriz.

Unha cifra de inscritos que promete ser récord

A falta de poucas horas para o peche de inscricións, ata o de agora hai 42 participantes apuntados, unha cifra que tamén apunta a récord pois faltando aínda varias horas para o peche oficial, o número de participantes é xa o segundo máis elevado.

Marisol Morandeira quixo agradecer o traballo realizado pola escudaría, amosando ao mesmo tempo o seu apoio aos deportistas locais e o seu compromiso co deporte guitiricense, afirmando que “hai que seguir traballando para continuar facendo eventos que poñan a Guitiriz no mapa”, un compromiso que se amosa coa organización desta proba ou coa XV Carreira Popular Concello de Guitiriz Termal, celebrada hai un par de semanas no municipio.

Pola súa parte, Édgar Vigo quixo comentar que “é todo un soño feito realidade que esta sexa a sexta edición, sendo xa unha proba moi consolidada no calendario galego, así como o Slalom no que máis premios se reparten grazas á implicación e ao apoio dos locais e das empresas guitiricenses, así como do Concello”.

O comisario da proba, David Montero, tomou posteriormente a palabra para amosar o seu agradecemento “ao Concello e a Édgar, pois grazas a eles é que se organiza esta proba que esta medrando ano a ano”. Montero tamén destacou que “isto é unha consecuencia do traballo que se fai no Concello no ámbito do deporte de motor, non só con esta proba, tamén co Rally de Clásicos”.

Xa para rematar, o piloto Miguel Villanueva, quen ten orixes e relación con Guitiriz, afirmou que é “toda unha honra poder debutar e comezar a miña andaina nunha terra que considero a miña segunda casa”.

⚙ Configurar cookies
0.17057394981384