Todo preparado para o Máster Nacional de Fútbolín de Rábade

LugoXa | TerraChaXa
Nesta edición están previstos premios por valor de 15.000 euros e o reparto de máis de 135 trofeos e medallas
presentacion-master-futbolin-bola-meiga
8 Mar 2025

O Máster Nacional de Futbolín de Rábade, que este ano chega á viséximo sexta edición, celebrarase nas datas previstas para o mes de abril, concretamente o 17, 18 e 19 coincidindo, como é tradición, coa festividade da Semana Santa.

Se o ano pasado se facía o cuarto de século de existencia, esta edición é tamén destacada, xa que é na que se celebrará o centenario da fundación do Concello de Rábade.

Nesta edición están previstos premios por valor de 15.000 euros e o reparto de máis de 135 trofeos e medallas. Prevese superar de novo as máis de 350 parellas participantes, que son as cifras que se manexaron nos últimos anos.

Como en anteriores edicións, haberá cinco modalidades de xogo e tres niveis, pero por primeira vez xogarase no pavillón Eduardo Fernández e non nos tres locais das edicións anteriores. Esta medida tómase debido ao elevado número de asistentes, que crece ano a ano.

O Gran Máster Nacional de Futbolín repartirá para os de movemento e en parado oito premios en cada categoría desde os 1.500 aos 30 euros ademais do trofeo. No apartado feminino, as gañadoras recibirán 800 euros e haberá premio para oito parellas. Ademais, na combinada tamén haberá catro recoñecementos, con contías que van dos 300 aos 70 euros.

Tamén contarán de novo co trofeo Alejandro Finisterre, para o xogador máis regular; o trofeo Concello de Rábade para o mellor xogador e o trofeo David García, para o mellor porteiro. Continúan tamén o trofeo Xunta de Galicia ao mellor xogador da comunidade autónoma, o trofeo Deputación de Lugo á amistade, o trofeo Peña Rábade Futbolín á peña máis participativa; o trofeo Galical ao mellor xogador da provincia de Lugo, e o trofeo Merchi á mellor xogadora.

Con este último quérese ofrecer unha homenaxe a unha das primeiras gañadoras que aportou moito ao futbolín. Volve tamén o Trofeo JMCR, ao Máster Leyenda. A organización repartirá tamén preto de mil camisetas entre os participantes, patrocinadas por Estrella Galicia.
Nesta gran festa do futbolín colaboran a Xunta de Galicia, a Deputación de Lugo, Concello e diferentes empresas.

cartel-master-de-futbolin-rabade
0.16770601272583