Tomé anuncia na Pastoriza actuacións na avenida Principal
Visitou xunto ao alcalde desta localidade chareiga o estado desta vía provincial, a LU-P-4401, onde a Deputación acometerá un proxecto que inclúe a dotación de novas beirarrúas, rehabilitación do firme, nova sinalización e melloras no alumeado entre os quilómetros 0 e 1,550.
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, anunciou este martes na Pastoriza xunto ao alcalde deste municipio, Primitivo Iglesias, novos traballos de mellora que a institución vai acometer na Avenida Principal cun investimento de 363.000€. Uns traballos que xa se atopan en fase de licitación e que, previsiblemente, comezarán en setembro.
Tomé Roca detallou que as actuacións contempladas nesta estrada provincial, a LU-P-4401, servirán para dotar de novas beirarrúas ás marxes da vía, rehabilitar o firme, instalar nova sinalización mediante marcas reflexivas brancas e mellorar na iluminación. As obras faranse no treito da Avenida comprendido entre o seu inicio ata o punto quilométrico 1,550.
O mandatario provincial tamén comprobou o estado doutro proxecto que a Deputación está acometendo nesta mesma vía e que complementan os recén anunciados. Estase a arranxar, por tramos, o pavimento de preto de 11 quilómetros dende o punto quilométrico 0 ata o 10,9, e tamén se renova a pintura de toda a estrada por un importe de máis de 300.000€, o que redundará na mellora da comodidade e seguridade da vía.
Relevancia social
O presidente da Deputación subliñou que esta é unha estrada cunha importante relevancia social, ao atravesar o núcleo da localidade. “É moi empregada pola veciñanza dos concellos da Pastoriza, Cospeito e Castro de Rei, pero tamén polas persoas que se desprazan pola comarca chairega”. Engadiu que esta actuación beneficiará tamén aos usuarios e usuarias das instalacións deportivas ás que dá servizo, como o polideportivo e as piscinas municipais da Pastoriza ou o campo de fútbol do Acebreiro.
O mandatario provincial subliñou na visita, na que tamén participou o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, outras actuacións destacables en materia de mobilidade que nos últimos meses a Deputación acometeu no municipio. Tomé Roca apuntou as melloras realizadas na LU-P-1106 con preto de 170.000€, no treito que conecta Castro de Rei con Campo do Oso pasando por Reigosa.
Estas obras afectaron a uns 4 quilómetros da estrada, entre os puntos quilométricos 16,9 e 20,4, e consistiron na reapertura de cunetas, aglomerado en quente e sinalización horizontal. “Renovouse o treito desta vía porque soporta un elevado volume de tráfico, pois é moi utilizada pola veciñanza para comunicarse con Mondoñedo e os concellos da
costa. Ademais, soporta o tráfico que se dirixe a unha canteira situada no núcleo de Xemil, xustamente por onde transcorre a estrada”, indicou o presidente.
A Deputación, coa Pastoriza
O presidente enmarcou estas actuacións na “cooperación continua que mantemos co Concello da Pastoriza e con todos os municipios da provincia para que poidan ofrecer máis e mellores servizos ós seus veciños”. Subliñou que a Deputación destinou un investimento de preto de 3M€ só no que vai de mandato, e “vamos a seguir nesta liña de colaboración”.
Ademais do Plan Único de Cooperación cos Concellos, que este ano 2022 ascende a preto de 345.000€, e dos diferentes proxectos destinados a mellorar a mobilidade no municipio, a Deputación de Lugo asinou nos últimos meses tres convenios de colaboración con este municipio chairego. Un para a celebración da Festa da Bola de Liscos e Freces de Bretoña dotado con 3.000€, outro por importe de 2.600€ para a celebración dunha proba do Campionato Galego de Andadura, e un terceiro para a creación dun parque infantil e a realización dun estudo sociolóxico, un poemario e un libro sobre o municipio que ascendeu a preto de 50.000€.