Tomé defende unha autoridade portuaria propia para Lugo

TerraChaXa | LugoXa
26 Out 2019

O Presidente da Deputación, José Tomé, defendeu a necesidade dunha Autoridade Portuaria propia para Lugo e anunciou que o Grupo Socialista levará ao pleno ordinario do vindeiro martes, 29 de outubro, unha moción que reclama ao Goberno central, no momento no que teña as competencias plenas despois das eleccións, a creación para o porto de San Cibrao dun organismo de xestión independente. 

Así llo trasladou o Presidente ao secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL),  Jaime López, e ao presidente da Federación de Asociacións de Veciños de Lugo, Jesús Vázquez, cos que mantivo unha reunión este venres co fin de unir esforzos na necesidade de dotar ao porto de San Cibrao de Autoridade Portuaria propia. Esta reclamación evidencia que, ao contrario que outros representantes institucionais, “nós poñemos os intereses da provincia por riba de calquera interese partidista”, subliñou Tomé.

O mandatario provincial sostivo que Lugo é a única provincia marítima do Estado cun porto de interese xeral que non ten autoridade propia e que “é o momento de retomar esta demanda e rematar así cunha anomalía do sistema portuario español”. O Presidente lembrou tamén que hai 17 anos que Lugo foi declarada provincia marítima, a condición imprescindible para poder crear unha Autoridade Portuaria propia, logo dunha reclamación expresada xa polo Partido Socialista no 2002. 

Segundo recalcou José Tomé, a infraestrutura “non está xestionada a día de hoxe en clave territorial, o que melloraría a súa implicación co entorno e permitiría estudar novas posibilidades económicas”.

Pola súa banda, o secretario xeral da CEL, Jaime López, puxo en valor “a valentía e o compromiso do Presidente da Deputación de Lugo para levar adiante esta moción, que é o recoñecemento e o apoio claro a esta iniciativa que é histórica e da que depende o futuro de Lugo”. O presidente da Federación de Asociacións de Veciños de Lugo, Jesús Vázquez, valorou a actitude de Tomé por antepoñer os intereses da provincia ás cores políticas, “vamos a loitar con todo tipo de accións, como fixemos sempre, para sacar adiante esta iniciativa”.

Consciente dos efectos da globalización na economía, Tomé apuntou que “precisamente porque hai cada vez máis factores que escapan ao noso control, non podemos renunciar a xestionar con criterio propio aqueles activos económicos que si son nosos, como o porto de San Cibrao”. O Presidente apelou á lealdade institucional e recalcou que “este non é un reproche cara a xestión da actual autoridade portuaria de Ferrol-San Cibrao”. Abriu a porta a colaboracións futuras, pero remachou que Lugo quere facelo “en pé de igualdade co resto de portos de interese xeral do Estado, non desde esta sorte de minoría de idade tutelada que temos”. A infraestrutura responde as características dun porto de interese xeral polas súas actividades marítimas internacionais e o volume do seu tráfico.

Tomé tamén se lembrou de Alcoa e deixou claro que “esta reclamación non afecta en absoluto ao uso prioritario do porto por parte da empresa”. A actual concesión á empresa de aluminio vence no ano 2023 e o dirixente apelou a que dende as administracións do Estado e da Xunta se leven adiante medidas para garantir a permanencia da firma en Cervo durante moitos anos. Iso si, desexou que a renegociación da concesión se leve a cabo “dende unha autoridade portuaria independente, que planifique o futuro pensando no mellor para Lugo”.

0.19437193870544