Tomé fai entrega ao Concello de Cospeito do polígono nun acto oficial

TerraChaXa
Goberno provincial asumiu o pasado mandato o proxecto do parque empresarial, que estaba en mans da extinta Suplusa, e na actualidade xa ten completados todos os traballos de urbanización que lle correspondía acometer.
acto entrega poligono cospeito deputacion concello
9 Mar 2024

Goberno provincial asumiu o pasado mandato o proxecto do parque empresarial, que estaba en mans da extinta Suplusa, e na actualidade xa ten completados todos os traballos de urbanización que lle correspondía acometer.

A Deputación de Lugo fixo entrega este venres ao Concello de Cospeito do polígono industrial que construíu a institución provincial cun investimento de 1,3 millóns de euros.

No ano 2020 asumiu o proxecto de construción do polígono industrial de Cospeito, que estaba en mans da extinta Suplusa. As obras consistiron no movemento de terras, instalación das redes de saneamento, pluviais, abastecemento, alumeado público, telecomunicacións, gas, centro de transformación e sinalización do complexo.

De feito, a Xunta de Goberno comunicou ao propio Concello que debe dar cumprimento ao disposto na cláusula cuarta do convenio de colaboración, que dispón “que lle corresponde á entidade local dotar ao complexo dos servizos necesarios de auga e sumidoiros, con capacidade suficiente para a demanda industrial”, os servizos que faltan para que a infraestrutura poida entrar en servizo, asegurou Pilar García Porto.

O alcalde, Armando Castosa, considera que “hoxe é un día importante para o Concello de Cospeito porque damos un novo paso para dotar ao municipio dunha nova infraestrutura de equipamento industrial. O parque empresarial de Cospeito, situado na capitalidade municipal, incidirá na revitalización socioeconómica do municipio ao favorecer o asentamento de empresas e a creación de emprego; contribuíndo positivamente ao asentamento poboacional”.

O rexedor destaca que “é un día positivo para Cospeito, pero tamén para a provincia de Lugo porque é unha área atractiva para implantación de novas empresas, cunha situación estratéxica. Está situado ao lado dunha das estradas de maior tráfico da provincia que comunica Lugo capital coa Mariña lucense, unha vía moi empregada tamén como conexión entre as autovías A-6 e a A-8”.

Coa recepción, o Concello de Cospeito pasa a ser titular das parcelas dotacionais, áreas verdes, espazos libres, viarios e aparcamentos. “Continuaremos a traballar para que o polígono siga a desenvolverse de acordo co convenio asinado coa administración provincial. A expansión e o desenvolvemento deste polígono, xunto co da outra área industrial coa que conta este municipio en Muimenta, é un dos obxectivos prioritarios da acción do noso goberno municipal”.

0.19650793075562