Tomé presenta o novo Goberno provincial e as súas funcións

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, presentou na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos a estrutura do novo Goberno provincial,
pleno organizacion deputacion lugo tome e efren
12 Xul 2023

A Corporación provincial mantén as mesmas dedicacións (8,5 do Partido Socialista; 3 do BNG; e 3,5 do Partido Popular) e igual cadro de persoal eventual.

O pPresidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentou este mércores na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos a estrutura do novo Goberno provincial, así como a organización que rexerá o funcionamento orgánico da institución provincial neste mandato 2023-2027. Uns asuntos que, previsiblemente, serán ratificados polo Pleno extraordinario que se celebrará esta mesma mañá, tras ser consensuados polos tres grupos políticos da Corporación.

“En canto á estrutura do novo Goberno, o criterio que guiou a miña decisión á hora de asignar a delegación das áreas provinciais foi aproveitar os perfís e a experiencia de cada un dos deputados e deputadas para conformar un equipo solvente e áxil co que seguir impulsando o proxecto de progreso social e económico que temos para a provincia de Lugo”, asegurou Tomé Roca. “Un Goberno para ser útiles ós 67 concellos da provincia e, polo tanto, ós veciños e veciñas, como o fomos no pasado mandato, e os datos así o demostran, e tamén para seguir mellorando no que sexa posible, porque, como dixen na miña toma de posesión, o meu compromiso de cara ós vindeiros catro anos é facelo aínda mellor”. “Fomos un Goberno exemplar, tanto dentro como fóra de Galicia”, subliñou.

José Tomé Roca anunciou que ademais das funcións propias da Presidencia (dirixir o Goberno e a Administración, representar á Deputación Provincial de Lugo e presidir todas as comisións, sesións, xuntas de goberno ou plenos, entre outras), continuará dirixindo a área de Xestión Territorial, que inclúe as materias de Vías e Obras, Parque Móbil e Unidade de Proxectos, dentro do seu “compromiso prioritario” coa mellora da mobilidade e do equilibrio territorial.

As restantes áreas son as seguintes:

- Área de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo. Pilar García Porto volverá será a Deputada responsable, e tamén continuará como voceira socialista do Goberno.

- Área de Promoción Económica e Social. Continuará ó cargo de Pablo Rivera Capón. Esta área leva aparelladas as materias de Proxectos Europeos, Innovación e TIC,s, Transparencia, Emprego e Benestar Social.

- Área de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas. Desta competencia seguirase ocupando, como nos dous últimos mandatos, Mayra García Bermúdez.

- Área de Cooperación e Asistencia aos Concellos. O responsable seguirá sendo Xosé María Arias.

- Área de Participación Cidadá. Desta área ocuparase Iván Castro Díaz.

- Área de Muller e Igualdade. Pasará a ser responsable Marisol Morandeira Morandeira.

- Área de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento. Desta competencia ocuparase Miguel Fernández Méndez.

- Área de Medio Ambiente. Dirixiraa Carlos López López.

- Área de Recursos Sostibles. Francisco Cajoto Caserío será o responsable desta área, centrada na xestión da Granxa Gayoso Castro e a Finca de Tor.

Polo que se refire ás áreas provinciais que xestiona o BNG, o Presidente informou das responsabilidades que asume cada deputado:

- Área de Deportes, Artesanía e Deseño, e Memoria Histórica. Continuará ao cargo de Efrén Castro Caloto, Vicepresidente da Deputación.

- Área de Medio Rural, Mar e Mocidade. Asume estas responsabilidades Daniel García Fernández.

- Área de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística. Dirixiraa Iria Castro Fernández.

Xunta de Goberno, Pleno e comisións informativas

Polo demais, o mandatario provincial informou de que a Xunta de Goberno seguirá estando formada por 9 deputados. Ademais de pola súa persoa, integrarán este órgano: Efrén Castro Caloto, Pilar García Porto, Pablo Rivera Capón, Mayra García Bermúdez, Miguel Fernández Méndez, Xosé María Arias Fernández, Iván Castro Díaz e Daniel García Fernández.

Crearanse dúas Comisións Informativas, coma no anterior mandato: a Comisión Xeral de Asuntos do Pleno e a de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, que presidirá o Presidente e terán 3 integrantes do grupo provincial do PSOE, 3 do PP e 1 do BNG.

Por outra banda, mantense a periodicidade e a hora das sesións ordinarias do Pleno –os últimos martes de mes, ás 11:00h- e das Xuntas de Goberno -o venres de cada semana, ás 11.00h-.

Retribucións e indemnizacións

José Tomé deu conta do réxime de retribucións e indemnizacións ós membros da Corporación Provincial, da asignación económica ós grupos políticos da Corporación e da determinación do cadro de persoal eventual. “Unhas propostas que son equilibradas e xustas, que contribúen á boa e eficaz gobernanza da Deputación para ser o máis útil posible aos concellos e aos veciños, e que garanten que os grupos políticos teñan a capacidade e os medios suficientes para desenvolver a capacidade que lles é propia, dentro da concepción digna da política que sempre defendo”, afirmou.

En canto ao réxime de retribucións e indemnizacións dos membros da Corporación Provincial, mantense o mesmo número de dedicacións do anterior mandato, que son en total 15. Haberá 8,5 dedicacións do Partido Socialista (6 dedicacións exclusivas, 2 parciais do 75% e 2 parciais do 50%), 3 dedicacións do BNG (a do Vicepresidente e 2 dedicacións exclusivas) e 3,5 dedicacións para o Partido Popular (3 dedicacións exclusivas e 1 dedicación parcial do 50%).

A retribución do Presidente será de 75.000€ brutos anuais, un 2,58% máis que no anterior mandato; o Vicepresidente, 68.000€ brutos anuais, un 2,68% máis que no anterior mandato; e os deputados e deputadas con dedicación exclusiva, 60.000€ brutos, 3,42% máis que no anterior mandato.

Polo que respecta á asignación aos grupos políticos da Corporación, o compoñente fixo mensual é de 5.000€ ó mes por grupo político e o compoñente variable é de 2.000€ mensuais por cada membro do grupo político.

En canto ao cadro de persoal eventual, mantense en 25 o número de postos, coa mesma distribución tamén que no mandato pasado: 8 corresponden ó Grupo Provincial Socialista; 3 ó Grupo Provincial do PP; 3 ó Grupo Provincial do BNG; 7 á Presidencia; e 4 á Vicepresidencia.

O PP tamén realizou realiza o reparto das áreas de traballo

Os deputados do Grupo Provincial do Partido Popular definiron hoxe as áreas de traballo que ocupará cada un para poder realizar “unha marcaxe individual” aos membros do goberno provincial para fiscalizar con detalle cada área de traballo, velando polo trato igualitario aos concellos evitando calquera tipo de discriminación.

O voceiro Antonio Ameijide recorda que esta división de funcións “é o resultado do consenso dentro do equipo e ten como obxectivo favorecer o desenvolvemento do traballo “do mellor xeito e cunha rigorosidade máxima”.

Os deputados populares consideran que o resultado deste reparto de áreas de traballo “é a mellor organización do día a día e que acadan un goberno en paralelo para poder fiscalizar a acción dos deputados socialistas e nacionalistas, ademais de realizar propostas en positivo”.

Os populares realizan estas reflexións buscando “o mellor para a provincia” xa que, como se anunciou dende o primeiro intre, “imos facer unha oposición construtiva, dando prioridade aos intereses de todos os veciños da provincia”.

REPARTO DE FUNCIÓNS DO GRUPO PROVINCIAL POPULAR

No Grupo Provincial do Partido Popular Antonio Ameijide exercerá de voceiro, mentres que Carmen José López e Demetrio Salgueiro exercerán de vocevoceiros.

  • Área de xestión territorial: Antonio Ameijide (voceiro)
  • Área de réxime interior, promoción do territorio e turismo: José Ángel Santos
  • Área de promoción económica e social: Carmen José López (vicevoceira)
  • Área de economía, recadación, facenda e especial de contas: Demetrio Salgueiro
  • Área de participación cidadá: Clemente Iglesias
  • Área de muller e igualdade: Carmen José López
  • Área de cooperación e asistencia aos concellos: José Pardo
  • Área de formación, ensino e economía do coñecemento: Javier Varela
  • Área de medio ambiente: Luis Fernández
  • Área de recursos sostibles: Armando Castosa
  • Área de deportes, artesanía e deseño e memoria: José María Fernández
  • Área de medio rural e do mar e mocidade: Jesús Núñez (medio rural e mocidade) e Demetrio Salgueiro (mar)
  • Área de cultura, patrimonio histórico e artístico e normalización lingüística: Francisco Balado

Os deputados populares tamén acordaron o reparto das dedicacións que corresponden ao grupo. Antonio Ameijide, Javier Varela e Jesús Núñez terán unha dedicación exclusiva cada un, mentres que Carmen José López terá media dedicación.

Os deputados populares tamén cuestionan a decisión de Tomé de manterse á fronte de vías e obras dado que nos últimos catro anos “non se deu solución aos numerosos problemas existentes en moitos puntos da extensa rede viaria provincial”, unha área que suscitou un elevado número de críticas por parte dos veciños da provincia. Tendo en conta que a rede viaria provincial é fundamental para a vertebración do territorio e a mobilidade dos lucenses, “agardamos que neste mandato lle dea un impulso a este servizo”, sinalan.

Tamén dubidan no Grupo Provincial Popular sobre a idoneidade do nomeamento para a xestión das áreas do Centro de Recría e Finca Gayoso Castro e de Medio Rural e do Mar xa que a formación, os coñecementos e as traxectorias profesionais destes deputados semellan non ter demasiada relación cos cometidos que lles asignaron.

pp deputacion lugo
0.14462614059448