Tomé presidiu en Vilalba a reunión comarcal socialista da Terra Chá

TerraChaXa
A cita serviu para abordar as principais preocupacións da comarca e reafirmar o compromiso socialista cunha acción política próxima e útil para a veciñanza
JOSE-TOME-ROCA-PRESIDENTE-DEPUTACION-1
29 Oct 2025

O PSdeG-PSOE na provincia de Lugo celebrou este martes en Vilalba a reunión comarcal da Terra Chá, no marco do calendario de encontros iniciado na Mariña, co obxectivo de reforzar a coordinación territorial e escoitar as necesidades das agrupacións locais.

O encontro estivo presidido polo Secretario Xeral na provincia, José Tomé Roca, e pola Vicesecretaria Xeral e Secretaria de Organización, Pilar García Porto, e contou coa participación da coordinadora comarcal, Sonia Verdes, acompañada polas voceiras, voceiros, alcaldes, alcaldesas, e secretarios e secretarias xerais das agrupacións dos concellos de Abadín, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Guitiriz, Muras, A Pastoriza, Vilalba e Xermade.

Durante a sesión analizáronse as principais preocupacións da veciñanza chairega, como a situación sanitaria, o emprego, o despoboamento ou as dificultades de acceso a servizos públicos básicos. Os representantes socialistas coincidiron en sinalar a falta de compromiso da Xunta coa comarca, tanto no eido da atención sanitaria, coa carencia de profesionais e recursos nos centros de saúde, como no da promoción económica, pola ausencia de medidas que garantan emprego estable e oportunidades para a mocidade.

José Tomé Roca destacou que esta reunión “forma parte dun proceso de traballo no que o PSdeG está a visitar cada comarca da provincia para reforzar o contacto directo co territorio e dar voz ás agrupacións locais, que son quen mellor coñecen as necesidades da súa xente”. Engadiu que “estes encontros permítennos coñecer de primeira man as demandas da cidadanía e preparar o partido para seguir gobernando con eficacia e proximidade, consolidando o bo traballo dos gobernos socialistas e ofrecendo alternativas alí onde o PP leva anos sen proxecto nin resultados”.

Pola súa parte, Pilar García Porto puxo en valor o papel da militancia e subliñou que “a forza do PSdeG-PSOE está na súa base, no traballo que se fai dende cada concello, e na capacidade de transformar esa implicación en propostas útiles e realistas para mellorar a vida da cidadanía”.

Esta reunión en Vilalba reafirma o compromiso da dirección provincial do PSdeG-PSOE de construír un proxecto político próximo, participativo e conectado coa realidade das comarcas, que dea resposta ás preocupacións da veciñanza e defenda o futuro da Terra Chá e de toda a provincia de Lugo.

⚙ Configurar cookies
0.081627130508423