Tomé reivindica o investimento en estradas na Terra Chá
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este xoves na misa de celebración pola renovación e mellora da LU-P-2204 que conecta a parroquia de Momán, en Xermade, coas Pontes, unhas obras acometidas pola institución provincial. Tomé Roca quixo que o párroco que reivindicaba o arranxo desta estrada con cerimonias relixiosas a súa chegada á presidencia da institución provincial, en agosto do 2019, oficiase agora outro rito para celebrar a mellora da vía, na que a Deputación investiu xa cerca de 1M€.
“Cando cheguei á presidencia da Deputación, hai máis de dous anos, comprometinme co Alcalde de Xermade para darlle unha solución a esta vía. O párroco celebraba unhas misas sobre a propia estrada para pedir as obras e hoxe estamos aquí para celebrar que cumprimos co que nos comprometemos e os veciños e veciñas teñen unha estrada renovada”, asegurou Tomé, que explicou que, tras os proxectos executados, só quedar un último tramo de pouco máis dun quilómetro para completar o acondicionamento integral da vía.
No acto, que se celebrou na Camposa de Mazandoi, o mandatario provincial estivo acompañado polo Alcalde de Xermade e tamén Deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas; os deputados de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto; de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón; e de de Medio Ambiente, José Luis Raposo, e por veciños e veciñas da zona.
As melloras da LU-P-2204 son unha das actuacións máis relevantes que a Deputación de Lugo vén de acometer recentemente na comarca. Este ano investíronse máis de 700.000 euros para a mellora de máis de 4 quilómetros, que se suman a outros traballos que a institución realizou na vía en anualidades anteriores. As obras contratadas pola Deputación neste 2021 consistiron na mellora do pavimento con aglomerado en quente, incremento da seguridade cunha nova sinalización horizontal mediante marcas reflexivas brancas e reinstalación da sinalización vertical e os sistemas de contención afectados polo ensanche da vía. En total, a institución provincial destinou máis de 1M€ para rehabilitar os 7 quilómetros iniciais da vía, co que só quedaría un tramo de pouco máis de un quilómetro, os puntos quilométricos 8,3 e 9,8 para a renovación integral de toda a calzada.
O Presidente recalcou a importancia desta estrada, “pois vertebra o concello de Xermade e toda esta parte da provincia, dando servizo aos veciños e veciñas de Momán e comunicando coas Pontes. Ademais, este é o camiño máis curto para os desprazamentos dos veciños e veciñas a Santiago de Compostela e aos aeroportos”.
5M€ na Terra Chá
A Deputación de Lugo inviste neste 2021 nas estradas da comarca da Terra Cha 5M€ a través de varias liñas de actuación. Dos 4.200 quilómetros da rede de estradas provinciais, a máis longa de toda España e tres veces maior que a da Xunta de Galicia na provincia, máis de 650 quilómetros percorren esta comarca, repartidos en 139 vías. Percorren os municipios de Abadín, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Guitiriz, Meira, Muras, A Pastoriza, Pol, Vilalba e Xermade.
A institución provincial ten en marcha ou vén de finalizar unha decena de proxectos para renovar e mellorar as estradas da súa titularidade cun investimento que ascende a máis de 1M€. A esta contía cómpre engadir as accións que financia a través do Plan Único de Cooperación cos Concellos 2021 para a mellora de camiños, accesos a núcleos de poboación e o acondicionamento e humanización de vías municipais, e que ascenden a preto de 2,4M€.
Así mesmo, a Deputación tamén actúa nas estradas con medios propios do Parque Móbil. No que vai de ano realizou diversas actuacións na Terra Chá, valoradas en preto de medio millón de euros, segundo os prezos de mercado.
A maiores, a Deputación ten en marcha o Plan Provincial de Conservación de Estradas, a través do que destina máis de medio millón de euros a garantir a seguridade viaria nas vías da Terra Chá, con actuacións como a atención de incidencias as 24 horas do día. Estas comprenden a eliminación de placas de xeo, estendido de sal, asistencia por vertidos ou para actuacións puntuais como reparación de fochancas, melloras do firme, apertura de cunetas ou mantemento da sinalización.