Tomé visita os clubs fluviais de Begonte
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o Deputado de Promoción Económica e Social visitaron este domingo as instalacións do club fluvial de Begonte e de Baamonde e mantiveron un encontro con representantes dos colectivos.
Na reunión participou o presidente do club, Alejandro Varela Quijada, o presidente da Conferencia Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga Díaz, representantes do Concello de Begonte e outros membros da directiva do club.
Durante a reunión, os membros do Centro Recreativo Cultural e Deportivo (Cercud) de Baamonde lembraorn o seu proxecto para a rehabilitación integral do muíño ubicado xunta á praia fluvial de Baamonde, para convertelo nun museo etnográfico sobre o pan, a súa elaboración e toda a cultura que engloba en Galicia.
A petición inclúe tamén o aproveitamento deste caudal para o funcionamento dunha moa das tres que ten o muíño para a súa demostración no futuro museo etnográfico Muíño do Pan.
O obxectivo do museo etnográfico é que conte cunha exposición permanente sobre a historia e evolución tecnolóxica dos muíños de auga ademais doutras temporais, para acoller visitas escolares así como a celebración de obradoiros.