Toñi Eijo fai unha chamada á responsabilidade na utilización das praias de Burela
A concelleira de Medio Ambiente, Toñi Eijo, fai unha chamada á responsabilidade na utilización das praias de Burela e pide que se cumpran estritamente as recomendacións realizadas polas autoridades sanitarias relativas ao distanciamento social e ás medidas hixiénico-sanitarias. De non ser así o Concello sancionará aos infractores.
A edil socialista sinala que “a vista do comportamento pouco responsable dunha minoría de persoas usuarias das praias do concello de Burela, e tendo en conta as concretas medidas hixiénico-sanitarias e de distanciamento social impostas polas autoridades sanitarias, esta Corporación Municipal apela á responsabilidade de todas e todos á hora de permanecer e desfrutar dos nosos areais, así como á hora de utilizar as súas instalacións e servizos (duchas, lavapés, etc.)”.
Toñi Eijo fai unha chamada “á responsabilidade das persoas usuarias das praias para que, en canto á práctica deportiva nos areais e na zona de baño, se faga de xeito individual e sen contacto físico, mantendo unha distancia mínima interpersoal de dous metros. Recordamos que, ata nova orde, non se poden practicar deportes de equipo, conxunto ou colectivos nas praias, a salvo do disposto en relación coas excepcións previstas nas normas sanitarias para as persoas deportistas federadas e profesionais”.
Sobre a permanencia e o uso praia a concelleira de Medio Ambiente indica que “ademais das medidas de seguridade e hixiene impostas pola autoridade sanitaria, debe manterse unha distancia mínima de dous metros entre as persoas, ou no seu caso, medidas alternativas de protección física, de hixiene de mans e uso de mascarillas. Os grupos de persoas non sobrepasarán o número de quince”.
Toñi Eijo advirte que “de persistir os comportamentos incívicos detectados nas praias de Burela, por parte dunha minoría de persoas usuarias, e de non seguir as recomendacións e ordes desta Corporación e das autoridades sanitarias, adoptaranse as medidas sancionadoras ou restritivas que procedan fronte aos mesmos en relación ao uso e desfrute das praias, e todo elo en defensa do interese superior da saúde pública das persoas usuarias e da cidadanía en xeral”.
A concelleira burelesa prega que “todas e todos actuemos con responsabilidade para que, neste proceso de transición cara a nova normalidade, non sexa preciso retroceder e volver a aplicar medidas de contención máis estritas e, polo tanto, que non sexa preciso ver que o enorme esforzo realizado pola nosa sociedade se vexa frustrado polo comportamento pouco reflexivo dunha minoría”.