Toponimízate estará este venres en Begonte
Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra chegará este venres a Dumbría (A Coruña) e Begonte (Lugo) con dúas novas charlas sobre a orixe e o significado dos nomes de lugar de ambos os concellos. A campaña coordinada pola Real Academia Galega co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística permitiralle ademais ao público aprender a empregar a aplicación colaborativa Galicia Nomeada, deseñada para facilitar a participación cidadá na recolla e xeolocalización de nomes de leiras, montes camiños ou fontes dende un dispositivo móbil. Dende a súa posta en marcha a finais de 2019, a plataforma recibiu unhas 68.000 achegas por parte das máis de 3.200 persoas e entidades colaboradoras.
O Centro Social de Dumbría acollerá o venres 17 de novembro a partir das 12:00 horas a primeira sesión do día, mentres que en Begonte a sesión terá lugar na Casa da Cultura a partir das 19:30 horas. O coordinador técnico de Galicia Nomeada, o filólogo da RAG Vicente Feijoo, impartirá ambas as charlas, que contan coa colaboración do académico de número Gonzalo Navaza na parte etimolóxica.
Tanto Dumbría coma Begonte comparten o feito de teren a súa microtoponimia sen recoller pois ningún destes municipios formou parte no seu día do Proxecto Toponimia de Galicia. Ademais, ata o momento as persoas colaboradoras incluíron só unhas ducias de topónimos en cada concello, polo que a Real Academia Galega quere convidar a todas as persoas interesadas no patrimonio inmaterial toponímico a asistir a ambas as sesións e participar en Galicia Nomeada.