Trabada acolleu outra rolda da liga norleste de billarda

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
29 Out 2019

Na 3ª xornada da LNB NorLeste, disputada en Trabada o pasado sábado, os organizadores recoñecen que desta volta non foi o frío, nin a neve, senón un fallo no sistema de comunicación o que levou a LNB ao pavillón deportivo de Trabada para disputar a terceira xornada da tempada billardeira. Unha mágoa xa que o día inmellorable convidaba a xogar fora, admiten.

Foi unha xornada moi áxil e disputada e xa dende o comezo (facilitado polo esbaradizo do chan) foron moitos os tiros directos que superaron o varal, uns por dentro, para ledicia dos venturosos  e outros por fora, para fastidio dos malfadados palanadores.

Subliñar que seguindo o acordo tomado a principios de tempada, xogando en pavillón, só se consideran 'varado' os tiros directos que crucen a liña de varal sen tocar no chan e daquela, aínda que foron moitos os que entraron no primeiro golpe, só un perfecto golpe de Chousa lle permitiu acadar o primeiro e único varado da tempada.

Van pasando as carreiras e a falta da derradeira, a Daniel e Markytos con dezanove puntos só os superaba Charli con vinte, polo que o 'carabullo', seguindo na súa liña, semellaba telo doado, mais non foi o caso, unha cativa saída e un erro no segundo golpe, estragaron a súa oportunidade facendo só tres puntos e como os dous 'músicos billardeiros' fixeron cadanseus catro remataron os tres empatados a vintetrés puntos.

Desempate pois a cara de can (deportivamente se entende) a tres carreiras que deixou este podio: Daniel, Markytos e Charli.

En equipos, os Billardeiros Musicais tiveron a tarde e deron o dó de peito acadando unha das puntuacións mais altas dende que se usa esta modalidade de puntuación (90 puntos sobre cen, só superada por este mismo equipo nas tempadas 2015-16 e 2016-17), Chaínzos-Cadaval e Carabullo completaron o podio con 84 e 83 puntos.

En donas, nesta xornada en xeral de boas puntuación para case todas elas, destacaron Sandra, Paula e Vivi. A ausencia da intratable Geni relegouna o terceiro posto da xeral xa que tanto Paula como Dori, aproveitaron para adiantala e poñerse ao mando na táboa de donas.

Os infantís van entrando en xogo e participando cada vez en maior número polo que o futuro da billarda está asegurado; nesta tarde se viron favorecidos pola bonanza do chan e remataron cunha boa actuación. Destacaron Marcos, Mateu e Aroa e amosaron boas maneiras Iker e Maré.

Suso Villarino fixo os honores entregando uns 'saquetos' de castañas aos gañadores e así rematou a terceira xornada da LNB.

As clasificacións quedaron en individual, Markytos (Billardeiros Musicais) con 64 puntos, Pepe Outeiro (Chaínzos-Cadaval), 61, Regueiro (Troitas Bravas), con 60 puntos, Manu Pozo (Billardeiros Musicias), 57 e Sachas (Troitas Bravas) con 56. En donas, Paula (Chaínzos-Cadaval), 33 puntos, Dori (Billardeiros Musicais), 30 e Geni  (Billardeiros Musicais), 28. Por equipos, Chaínzos-Cadaval (Castro de Rei) con 232 puntos, Billardeiros Musicais (Ribadeo), 230 e Troitas Bravas (A Pontenova) con 218 puntos.

A organización dálles os seus parabéns a todos e emprázaos á unha nova xornada en San Miguel o vindeiro sábado 16 de novembro onde seguirán coa festa billardeira na cuarta xornada da tempada.

0.18742609024048