Trabada e Ribadeo seguen agardando pola chamada da Xunta para solucionar o problema do abastacemento

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
11 sep 2019

O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, asegura que tanto Trabada como Ribadeo seguen a agardar pola chamada do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para falar do abastecemento de auga a ambos municipios. Para o rexedor ribadense non hai peor cego que o que non quere ver e acusa ao portavoz do PP no Concello de usar a mentira para sobreactuar e facerse ver “aínda que a realidade é ben diferente”. Suárez Barcia lembra que a Xunta elaborou un proxecto para mellorar a rede da traída en Ribadeo por importe de 5 millóns de euros, no ano 2010, pero como resultou ser moi custoso fixo despois unha separata que contemplaba a construción dun depósito e un investimento de millón e medio de euros.

Esa obra tampouco se puido executar porque Intervención da Xunta non informou favorablemente por tratarse dun proxecto europeo parcial e non integral. O alcalde considera que se trata dunha situación moi inxusta para Ribadeo e a súa veciñanza. 

Fernando Suárez declarou que “non hai peor cego que o que non quere ver e a mentira, a falsidade e a manipulación burda están sendo os instrumentos que este voceiro do PP de Ribadeo está utilizando para sobreactuar e facerse ver. A realidade das cousas, de como foron e de como son, é algo ben diferente sobre todo se vemos a documentación de todo este proceso de inxustiza da Xunta contra Ribadeo e contra Trabada por mor da renovación da traída de máis de vinte quilómetros de auga que dá servizo a estes dous concellos, e que necesita, pola súa antigüidade, a súa renovación”.

O rexedor ribadense pregúntase: “cómo se pode dicir que non temos interese despois de todo o que levamos loitado por substituír esta acometida. Todo o que foi redactado pola Xunta, nestes últimos anos, foi pola presión terrible que fixemos desde o Concello de Ribadeo debido aos problemas que lle vimos manifestando desde hai anos, ben sexa por esta tubaxe que ven desde o río Eo dando servizo a Trabada e máis a Ribadeo, ben fose polos vertidos de lixiviados doutra industria á outra captación que temos no río Grande aquí en Ribadeo, polo que a Xunta, sobre o ano 2010, para non ter competencia na materia como di ás veces, si que redactou un proxecto de máis de 5 millóns de euros para a substitución de toda a acometida. Como este proxecto era tan grande decidiu facer unha separata, unha parte parcial, consistente en levar adiante unha primeira fase que contemplaba un depósito de auga en Ove, un proxecto que cifrou en 1,5 millóns de euros e que en ningún momento a Xunta pediu a entrega dos terreos para facer tal depósito, posto que o único que solicitou foi un informe de conformidade urbanística, que por suposto se lle remitiu, xunto coa solicitude de corrección de erros daquel proxecto que tiña abondo”. 

Suárez Barcia seguiu a relatar que “ademais aínda que non pediron formalmente os terreos, sabendo como sabemos como as gastan ás veces como se ve nestes días, xa neste mandato anterior, o que rematou hai uns meses, tomamos todas as medidas, expropiamos os terreos coa conformidade da Xunta por certo, para poder entregalos no momento en que se nos pidan. É máis se nalgún momento realmente chegaran a pedir a posta a disposición inmediata dos terreos, teríamos utilizado outras fórmulas máis rápidas como ocorren noutros concellos a través do aluguer dos terreos ou mesmo da compravenda”. 

O alcalde manifestou que “o bo de ir tendo experiencia nestas lides, e hai que dicilo ben alto tamén, é que a realidade contada tempo despois por un novo director de Augas, contada a este alcalde aquí en Ribadeo, foi que o proxecto grande era moi custoso para investilo en Ribadeo e o proxecto máis pequeno, o que só contemplaba o depósito, non o puideron levar adiante xa que a Intervención da Xunta non lles informou favorablemente un proxecto europeo que fose parcial, isto é, deberá ser integral. Esa é a crúa realidade”.

Para Suárez Barcia “todo isto é unha situación moi inxusta para os veciños que pagamos o canon da auga, desde hai máis de dez anos, a razón de 200.000 euros por ano, soamente da auga sen ter en conta o saneamento, precisamente para que se aborden infraestruturas como as que se están a demandar. Polo que confiamos, que máis aló deste ruído mediático que hai para xustificar o inxustificable, o presidente da Xunta, se realmente quere ser o presidente de todos os galegos e tamén dos de Ribadeo e tratar por igual a todo o mundo e a todos os Concellos, debe recibirnos, tanto a alcaldesa de Trabada como ao alcalde de Ribadeo, debe escoitarnos, e debemos poñer en común a vontade de todas as administracións para resolver un problema polo que levamos loitando moitos anos e que non habemos parar ata telo conseguido. Seguimos polo tanto agardando a chamada do presidente da Xunta”.

0.15924096107483