Traballadores de Tivaygasa maniféstanse tralo anuncio de peche da empresa

O Concello de Guitiriz manifesta publicamente o seu apoio aos traballadores e traballadoras de Tivaygasa tras o anuncio repentino do peche da empresa, feito esta semana sen explicación previa e que deixa sen emprego a unha vintena de persoas.
Dende o primeiro momento, tanto a CIG, sindicato con representación na firma, como o propio Concello, cuestionaron a medida e reclamaron aos responsables da compañía unha explicación clara e transparente.
Na xornada de hoxe, venres 19 de setembro, o equipo de goberno municipal, encabezado pola alcaldesa Marisol Morandeira, participou na concentración convocada polo cadro de persoal, xunto con representantes do resto de forzas políticas da corporación. Trátase dun acto de apoio que visibiliza a unidade da corporación e do Concello fronte a unha decisión que afecta directamente ás veciñas e veciños de Guitiriz.
Neste acto, a rexedora, Marisol Morandeira, cualificou o peche como “un problema moi grave para o noso concello, para as familias e para as persoas traballadoras afectadas”.
Segundo trasladaron os propios traballadores, aos que se lles adebeda o mes de agosto, a decisión de peche non responde a unha falta de carga de traballo nin a problemas económicos aparentes, polo que eles mesmos recoñecen non comprender a situación. O persoal solicitou unha reunión coa empresa para recibir explicacións e agradeceu expresamente o respaldo tanto da veciñanza como da corporación municipal.
Neste sentido, Morandeira explica que desde a empresa “non explican por que, nin achegan información nin se especifica unha data. Queremos que se lles explique aos traballadores cal é a situación real da empresa e por que se chega a este punto. Esperemos que nos próximos días haxa avances e que se produza a reunión solicitada”.
Por último, a alcaldesa insistiu en que “o Concello estará sempre do lado dos traballadores e traballadoras” e reafirmou o compromiso de defender a conservación dos postos de traballo como prioridade.