"Traballaremos para intentar dispor no futuro dun local na parroquia aínda que é unha tarefa complicada"
A Asociación Veciñal de Vilapene organiza a primeira edición da Comida-Festa Santa Lucía 2024, que terá lugar o vindeiro 14 de decembro, a partir das 15:00 horas, no local da antiga Cámara Agraria da Feira do Monte, no concello de Cospeito.
O evento ofrecerá un completo menú composto por sopa, cocido, sobremesa, café e licores. Ademais, haberá unha opción de menú infantil (ata 12 anos) por 15 euros. Os prezos para adultos son de 25 euros para socios e 30 euros para non socios.
A festa estará amenizada con música en directo, coa celebración dunha sesión vermú e unha sesión de tarde, para desfrutar e bailar desde as 14:00 horas.
As persoas interesadas en asistir poden adquirir os seus tíckets ata o 7 de decembro, contactando cos seguintes números de teléfono: Pablo: 678 620 119, Adrián: 699 960 671 e Rocío: 647 812 332.
Esta será sen dúbida a actividade que servirá para a presentación desta nova asociación sobre a que nos fala Pablo Albariño, un dos seus fundadores.
Cando naceu a asociación? Por que é de recente creación, non?
A asociación naceu entre os meses de setembro e outubro deste ano que foi cando un grupo de mozos e mozas da parroquia nos decidimos a poñela en marcha e comezamos a facer todos os trámites legais necesarios para constituír a asociación.
Como xurdiu a idea?
A idea xa xurdira fai tempo e falárase moitas veces entre a xente da parroquia pero ninguén se decidía a dar o paso.
É a primeira asociación da zona?
Non, de feito eramos unha das poucas parroquias da contorna que non contabamos con asociación veciñal. Por exemplo, as parroquias lindeiras de Seixas e Pino xa fai anos que contan cunha asociación destas características e están a desenvolver unha gran labor nas súas parroquias pois son unhas asociacións moi activas.
Quen forma parte da directiva actual e cantos socios a forman?
A directiva formámola cinco persoas que, independentemente dos cargos, traballamos como iguais en equipo. Eu, Pablo Alvariño Vázquez (presidente), Rocío Parga Rodríguez (secretaria), Adrián Cendán Castiñeira (vicepresidente), Begoña González Labrada (tesoureira) e Beatriz López Muñiz (vogal). Na actualidade, somos case 120 socios e socias e, como aínda estamos na fase de captación de asociados, confiamos en superar esa cifra debido á gran aceptación que está a ter a iniciativa entre a veciñanza de Vilapene e incluso entre xente doutras parroquias.
Cales son as actividades previstas xa?
Temos previsto realizar unha comida o sábado 14 de decembro, no edificio da antiga cámara agraria da Feira do Monte, na que o prato estrela será o cocido e que contará con animación musical en directo, sorteos, agasallos e moita diversión. Esta comida terá un prezo de 25 euros para os socios e socias e de 30 para o resto de persoas. Esta comida-festa servirá como presentación e posta de longo da asociación.
Cales queren poñer en marcha nun futuro?
No futuro gustaríanos organizar algunha actividade cultural ou de ocio como algún curso ou algunha viaxe que potencien a unión da veciñanza e dinamicen a vida da parroquia. Somos conscientes que somos unha parroquia pequena polo que tamén colaboraremos coas outras asociacións da contorna para que sexa máis doado organizar actividades.
Hai outros proxectos máis de cara ao futuro?
Si, temos un atrio moi fermoso con castaños centenarios e pechado perimetralmente con árbores que nos gustaría acondicionar pois xa hai moitos anos que non se fai ningún labor de mantemento e pensamos que é bastante urxente facelo.
Que necesidades teñen?
A principal necesidade que temos é que non dispoñemos dun local propio como sede da asociación e é algo que nos limita bastante á hora de organizar actividades. Polo momento utilizamos un local na Feira do Monte que nos cede o Concello de Cospeito, a quen lle agradecemos enormemente a súa colaboración neste aspecto. Traballaremos para intentar dispor no futuro dun local na parroquia aínda que somos conscientes que é unha tarefa complicada.
Contan con axuda para manter a asociación activa?
Establecemos unha cota de 10 euros ao ano para aquelas persoas que se asocien para que a asociación dispoña de fondos propios e poda organizar actividades. Por outro lado, tamén intentaremos optar ás axudas das distintas administracións cando sexa o caso. Tamén colaboraremos con outras asociacións da zona para realizar actividades en común.
Como se fai un socio?
Hai que encher un pequeno formulario, que se obtén contactando con calquera membro da directiva, e pagar a cota anual de 10 euros.
Que aceptación están a ter neste inicio?
Moi boa, estamos gratamente sorprendidos e soamente podemos ter palabras de agradecemento á parroquia de Vilapene en xeral, a todas as persoas que se están a facer socios e socias, ás que nos axudaron a poñela en marcha, especialmente á directiva da Asociación Cultural e Deportiva de Árbol (Vilalba), a aquelas outras asociacións que manifestaron a súa intención de colaborar con nós como as Asociacións de Pino e Seixas e ao Concello de Cospeito.