Tradescola imparte unha xornada no CPI López Suárez de Friol

TerraChaXa
A Tradescola, escola de música tradicional galega que xestiona a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s na cidade de Lugo, achegarase ata Friol, concretamente ao CPI Dr.
portada_tradescola
20 Mar 2018

A Tradescola, escola de música tradicional galega que xestiona a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s na cidade de Lugo, achegarase ata Friol, concretamente ao CPI Dr. López Suarez para impartir unha nova xornada de música tradicional que terá lugar o mércores 21 de marzo. Con estas xornadas, que contan coa axuda da área de Cultura da Deputación de Lugo, a Tradescola pretende achegar á comunidade escolar a nosa música e a nosa cultura tradicional, dun xeito ameno e didáctico a través dos concertos impartidos nos distintos centros.

Nesta ocasión realizaranse tres sesións de concertos a partir das 11.00 horas, para os alumnos de infantil, primaria e secundaria, e estarán impartidos polos mestres da Tradescola Jose Manuel López “Josele” Miguel Anxo López “Chino”, Roberto Rodríguez e Bruno Villamor. En todos os concertos amosaránselles aos alumn@s distintos instrumentos, ritmos, bailes e melodías protagonistas da música tradicional e popular galega.

Un dos obxectivos da Tradescola é incrementar a presenza da música e do baile tradicional galego nos distintos ámbitos da sociedade, e a través de actividades como esta, pretendemos non só difundir a cultura tradicional, senón que ademais queremos amosar esta riqueza cultural dunha maneira aberta, chea de contidos e na que todos e todas as escolares poden participar de xeito activo con preguntas e aportacións,  contribuíndo e potenciando deste xeito a divulgación da cultura e a súa conservación.

A Tradescola realiza asiduamente numerosos actos como charlas, presentacións, concertos, ou xornadas que achegan a numeroso público a coñecer de preto o traballo que está a realizar esta escola, ofrecendo formación a todas as persoas interesadas na música e no baile tradicional tanto na cidade de Lugo, onde imparte aulas diariamente na rúa Pintor Corredoira nº 4, como no resto de comarcas da provincia a través da realización de diversas accións formativas relacionadas co ensino da música e baile tradicionais.

A AGG conta neste momento con case 800 asociados e asociadas distribuídas por todas as  comarcas galegas e na Galiza exterior. A través dos seus asociados a AGG ten presenza na maior parte das asociacións e colectivos culturais que desenvolven actividades en torno á música tradicional no país.

A AGG é a entidade asociativa máis representativa e con maior peso específico no tocante á música tradicional en Galiza.

tradescola
0.15952610969543