Trasladan a Begonte a exposición das obras do Certame Galego de Arte do belén

TerraChaXa
Os premios entregaranse o 1 de febreiro no acto de clausura do Nadal de Begonte
Certame-arte-José-Domínguez-Guizán-Lugo
15 Jan 2025

As 14 obras que concorreron ao XXXV Certame Galego de Arte, convocado polo Centro cultural impulsor do Belén de Begonte, están xa en Begonte, podendo ser visitadas na Casa municipal de Cultura.

A Mostra permanecerá aberta ata finais do presente mes, sendo entregados os premios o sábado, 1 de febreiro, dentro dos actos de clausura de O Nadal en Begonte.

Gañador desta edición do Certame de Arte que leva o nome do fundador do Belén, José Domínguez Guizán, foi Eduardo Pérez Baamonde, natural de Vilalba, residente en Cambados, pola súa obra Sistouza, que recibirá 2.000€ e trofeo.

Cadansúa mención de honra concedeuse a Manuel Carballeira Rivas, natural de Cospeito e residente en Valdoviño, pola súa obra Río dourado, e a Miguel Torre, do Incio, por Brisa del Cantábrico. Así mesmo, o xurado concedeu mención especial á obra Vista de la Rinconada y la Catedral do lucense José Luis Mendaña Cubi.

O xurado do certame estivo formado pola directora do Museo Provincial de Lugo, Aurelia Balseiro; a concelleira de Cultura do Concello de Begonte e membro da directiva do Belén, Sonia Varela; e o artista Gonzalo Sánchez Folgueira Zalo.

0.16941118240356