Trasladan á Deputación o debate sobre o futuro de Alcoa

TerraChaXa | LugoXa
O grupo provincial do PP traslada de novo á Deputación o debate sobre o futuro da factoría de Alcoa en San Cibrao, unha industria estratéxica para a provincia de Lugo, e, por extensión, para Galicia.
19 sep 2019

O grupo provincial do PP traslada de novo á Deputación o debate sobre o futuro da factoría de Alcoa en San Cibrao, unha industria estratéxica para a provincia de Lugo, e, por extensión, para Galicia. Aínda baixo o asombro que no PPdeG produce a capacidade para a desidia e a inmobilidade demostrada polo Goberno presidido polo socialista Pedro Sánchez en este asunto, de gran relevancia para Lugo, os populares buscan mobilizar ás institucións en defensa da factoría de Alcoa en San Cibrao e de todo o que representa social e economicamente para unha provincia tan necesitada de industria como é a de Lugo. O deputado Javier Castiñeira confirmou a presentación no rexistro provincial dunha moción para, entre outros obxectivos, instar ao Goberno central «a realizar todas as accións encamiñadas a garantir os centros produtivos e os postos de traballo das factorías de Alcoa en San Cibrao (Cervo)».

Castiñeira destaca que o PP xa deixou claro, no ámbito da Deputación, a súa preocupación polo futuro de Alcoa en ocasións anteriores, concretamente en maio de 2016, outubro de 2018 e marzo do ano en curso. Se antes a situación da factoría era preocupante, agora, moito máis. Por iso, sinala, Castiñeira, o Partido Popular expresou con claridade o seu apoio a esta industria e aos seus traballadores. Un apoio que vai desde o militante de base ao presidente da Xunta de Galicia. Nesa liña, o grupo provincial do PP busca agora un acordo do pleno da corporación provincial para instar ao Goberno central a facer o que ten que facer sen máis demora en defensa desta factoría, tal como lle demanda a sociedade lucense, en concreto, e a galega en xeral.

Na moción xa rexistrada polo PP na Deputación pídese o acordo para instar ao Goberno a garantir un marco estable e competitivo e a aprobar o estatuto de apoio ás empresas electrointensivas. Igualmente, aprémase ao Goberno central a convocar a mesa de traballo sobre a industria electrointensiva, incorporando a ela ao comité de empresa de Alcoa de San Cibrao. A este respecto, Javier Castiñeira deixa claro que o Goberno de Sánchez ten que cumprir canto antes os compromisos adquiridos pola ministra na reunión cos representantes dos traballadores.

Igualmente, na proposta popular inclúese instar ao Goberno central a cumprir o compromiso de ampliar de 90 a 200 millóns de euros a compensación dos gastos indirectos de CO2, como medida de apoio ás empresas que teñen unha alta dependencia dos custes enerxéticos.

Javier Castiñeira recorda que Alcoa de San Cibrao constitúe o principal motor económico e laboral da Mariña lucense e un dos máis importante das provincia. É a principal fonte de emprego directo para 1.100 familias; a maiores, hai que engadir o emprego indirecto. Por iso, Castiñeira considera imposible de entender a desidia demostrada polo Goberno presidido por Pedro Sánchez. É incomprensible, na súa opinión, a falta de reacción demostrada con respecto á factoría de San Cibrao despois da venda das de A Coruña: «É unha inexplicable demostración de falta de sensibilidade con respecto o valor desta industria e da súa relevancia para Lugo». O mesmo deputado provincial resalta que a familia popular saíu decididamente en apoio do futuro da factoría e dos seus traballadores, que contan con respaldo do presidente da Xunta. Pero, di Castiñeira, «as decisións claves dependen do Goberno central e ten que tomalas canto antes». Por elo, explica o deputado, o grupo provincial do PP presenta esta moción que é un paso máis no camiño seguido polos populares neste asunto, incluídas as xestións realizadas por gobernos populares, sinaladamente o de Mariano Rajoy.

0.1800000667572