Tres centros chairegos, incorporados a Educación Dixital, E-Dixgal
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publicou no Portal Educativo a resolución definitiva de centros sostidos con fondos públicos seleccionados para incorporarse ao proxecto Educación Dixital (E-Dixgal) durante o curso 2020/21, pola que se incorporan ao programa 125 centros e outros 4 amplían a súa participación, implantándoo noutra etapa educativa. Neste sentido, a Xunta decidiu incrementar o número de 75 centros que estaba previsto incorporar este ano ao proxecto, co fin de ampliar a dixitalización do ensino galego.
Cómpre lembrar que a través deste programa se facilitan ao alumnado, de xeito gratuíto, libros e outros materiais dixitais cos que poidan desenvolver o seu proxecto curricular de 5º e 6º de educación primaria e 1º e 2º da ESO.
O proxecto E-Dixgal, que impulsan a Consellería e a Amtega, enmárcase na Estratexia galega para a educación dixital (Edudixital 2020). Neste curso participan neste proxecto un total de 345 centros, que continúan tamén no programa. Tras estas novas incorporacións, formarían parte do E-Dixgal 470 centros educativos.
Os centros que se incorporan a este proxecto serán dotados cos medios tecnolóxicos necesarios na aula para profesorado e alumnado. Ademais, terán acceso a unha contorna virtual de aprendizaxe cos contidos gratuítos proporcionados pola Xunta e deberán utilizar para o desenvolvemento curricular materiais de referencia dixitais, que poden proceder desta contorna ou ser proporcionados polo centro.
A incorporación ao E-Dixgal en educación primaria implica impartir todas as materias en modalidade dixital; mentres que facelo en ESO supón impartir un mínimo de seis materias, a elección do centro, en modalidade dixital. Se o centro conta con libros e outros materiais didácticos dixitais, poden empregarse como complemento ou apoio.
Todos os centros implicados no programa teñen acceso á plataforma EVA E-Dixgal, con contidos de aulaPlaneta, Netex, Edebé e Pearson; ademais de ter acceso aos contidos xerados na iniciativa Dixit.
A relación de centros de nova incorporación é da Terra Chá son o Ceip Aquilino Iglesia Alvariño de Abadín, o Ceip Antonio Insua Bermúdez de Vilalba e o IES Fonmiñá da Pastoriza.